DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO COLEXIO OFICIAL DE PSICOLOXÍA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Os avances en materia de igualdade e a loita contra a violencia de xénero nos últimos tempos son innegables e, como sociedade, debemos felicitarnos polo traballo realizado neste sentido, porque é moito o camiño avanzado se botamos a vista atrás. A Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero cumpre quince anos o próximo mes de decembro, é dicir, que é inferior a unha xeración. É importante ter isto en conta, porque a miúdo ofrecemos unha mirada pesimista sobre este asunto, alentada polo constante goteo de mulleres asasinadas, de menores agredidas/os, do incremento de denuncias, e é inevitable a sensación de chegar tarde para demasiadas mulleres, nenos e nenas que sofren o impacto da violencia machista no seu día a día.

Por iso, neste 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia desexamos sinalar o importante avance que supuxo a lexislación para a protección e o acompañamento das vítimas da violencia de xénero, á vez que estimamos conveniente trasladar a importancia de continuar avanzando en medidas que favorezan a erradicación total das violencias contra as mulleres, así como a mellor protección daquelas que sofren os malos tratos pola súa condición de mulleres.

Como profesionais da psicoloxía manifestamos o noso total rexeitamento a calquera forma de violencia exercida contra a muller, xa sexa psicolóxica, física ou sexual, e queremos trasladar todo o noso apoio, afecto e solidariedade ás familias e persoas achegadas ás vítimas da violencia de xénero, que custou a vida a polo menos 51 mulleres e 3 menores en 2019, e que deixou a 43 nenos e nenas orfos como consecuencia destes asasinatos.

Unha das modificacións que urxe adoptar é a adaptación da normativa en materia de violencia de xénero ao Convenio de Istambul, considerado o marco xurídico máis completo para combater a violencia contra nenas e mulleres, e que foi ratificado por España en 2014, xa que no noso país só tense en conta a inequidade de xénero na violencia no ámbito da parella ou  exparella. Pero as implicacións do xénero van máis alá, como recoñeceu o propio Tribunal Supremo na sentenza pola agresión sexual dos San  Fermíns de 2016, perpetrada por cinco homes coñecidos como "A Manada", que recollía no seu ditame final: "Os chamados delitos sexuais foron un expoñente claro da función das normas xurídicas na recreación dos estereotipos e roles sociais que definiron durante séculos a distribución desigual de dereitos e obrigas, discriminando as posibilidades das mulleres".

O Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, sempre que conte coa necesaria dotación orzamentaria, é un instrumento idóneo para promover a necesaria perspectiva de xénero que reclama nese extracto o Tribunal Supremo e que cómpre que se traslade a todos os servizos públicos (sanidade, educación, xustiza, servizos sociais…), para evitar que se continúe permitindo a histórica discriminación que sufriu e segue a sufrir a metade da poboación. Un documento que recolle como un dos eixos clave a educación, porque sen unha aposta decidida por traballar a igualdade cos nenos e as nenas, pola implantación da  coeducación en todos os centros escolares, por desmontar os mitos e crenzas que sustentan o machismo na nosa sociedade, sen todo isto non conseguiremos exterminar os malos tratos e a violencia contra as mulleres.

A psicoloxía é o ámbito científico-profesional máis apropiado para liderar este labor preventivo, xa que nos situamos no ámbito dos prexuízos, as crenzas, as emocións e as condutas, propias do noso perfil profesional; un perfil que non debería tardar en incorporarse aos equipos dos centros educativos de primaria e secundaria. Construamos desde o traballo co sistema educativo como base estendéndoo a todos os servizos públicos unha sociedade máis equitativa, máis xusta, na que mulleres e homes, nenas e nenos, poidamos desenvolvernos en liberdade.