As demandas das empresas tecnolóxicas á psicoloxía centran o encontro organizado polo Colexio galego de Psicoloxía

Este sábado 1 de decembro, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) organiza o II Encontro de Psicoloxía e tecnoloxía, centrada nas necesidades e oportunidades das empresas de base tecnolóxica que poden ser abordadas desde a psicoloxía, como a intelixencia artificial ou a linguaxe natural, entre outras.

Psicólogos e psicólogas de todo o Estado participarán neste encontro que se desenvolverá entre as 9:30 e as 13:30 horas na Facultade de Psicoloxía da USC, no seu Salón de Xuntas. Marco A. Piña Sánchez, director de vendas de Nuance Communications para o Sur de Europa, explicará a experiencia desta empresa líder mundial en sistemas de recoñecemento de voz e de automatización das relacións humanas coas máquinas, con asistentes persoais ou con vehículos, entre outros. Esta compañía opera directamente nas relacións entre persoas e sistemas tecnolóxicos, onde xorden retos nos que a psicoloxía é crucial, como a linguaxe natural, os modos de relacións, as emocións, a actitude, a norma social e situacional etc.

Á continuación, Julio González Morandeira, vogal de innovación e tecnoloxía da Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións do COPG, centrarase no reto tecnolóxico para a psicoloxía, con aspectos como a identificación de novos espazos profesionais, de novas saídas, as achegas da psicoloxía en dispositivos, aplicacións ou mesmo na robótica,  sempre co eixo central das relacións entre as tecnoloxías e o ser humano. A longa traxectoria de González Morandeira no eido TIC como psicólogo, tanto nunha consultora tecnolóxica como no Concello de Lugo onde é responsable de innovación, permitirán unha aproximación moi interesante desde a profesión.

A última intervención correrá por conta da asesora xurídica do COPG, Cecilia Barros Díaz, que se centrará na ética das tecnoloxías, tras a que se abrirá o debate ás persoas asistentes. Así, tentarase poñer de relevancia o peso do psicolóxico na ecuación máquina-persoa nun ámbito, o das TIC, onde ata o momento tiñan maior protagonismo outras disciplinas científicas como as enxeñerías ou a economía, sen perder de vista a perspectiva ética.  

Este encontro enmárcase dentro das actividades programadas desde este xoves 29 de novembro que se desenvolverán no COPG en conxunto coa División de Psicología del Trabajo, de las Organizaciones y de los Recursos Humanos (PTORH) do Consejo General de la Psicología, que agrupa a todos os colexios profesionais de psicoloxía do conxunto do Estado, tras manter sesións de traballo conxunto entre o COPG e a División durante o xoves 29 e o venres 30.