Máis de cincuenta psicólogas/os fórmanse na regulación emocional a través do mindfulness

Mañá venres 4 e o sábado 5 de outubro, máis de 50 psicólogas e psicólogos formaranse na regulación emocional a través do mindfulness, nun curso que se desenvolverá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago de Compostela, organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Esta formación céntrase no mindfulness e o equilibrio emocional, co que se pretende traballar as habilidades de regulación emocional a través de prácticas construtivas ou xenerativas, como as meditacións na compaixón, no amor ou no perdón. Será impartido por Gonzalo Brito Pons, que é psicólogo clínico da Pontificia Universidade Católica de Chile e doutor en Psicoloxía Transpersoal de Estados Unidos. Conta tamén cun posgrao na Terapia Centrada na Compaixón, pola Universidade de Derby (Reino Unido).

A actividade vai dirixida aos membros do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do COPG, que actúa nas situacións de emerxencia a través do 112 Galicia. Os psicólogos e psicólogas traballarán especialmente no referente ás emocións, como o resentimento, o perdón, a ira, o medo, o amor ou a amabilidade, procurando comunicar emocións e necesidades de xeito máis hábil e saudable, empregando estratexias baseadas na práctica do mindfulness para tratar co sufrimento e a desregulación emocional.

O mindfulness ou a atención plena, segundo explica o propio Gonzalo Brito, é a capacidade de traer de volta a nosa atención ao momento presente, desde unha actitude de aceptación, apertura e non xuízo. Esta capacidade pódese desenvolver a través das prácticas de atención plena, como a meditación, a camiñada consciente ou o ioga.