O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia denuncia o desleixamento do Goberno autonómico á saúde mental

A próxima convocatoria de Oferta Pública de Emprego (OPE) do Servizo Galego de Saúde, que inclúe tres prazas de especialistas en psicoloxía clínica, reflicte o desleixamento do Goberno autonómico cara á saúde mental da cidadanía galega. A día de hoxe, no Sergas exercen menos de cen psicólogas e psicólogos clínicos, o que significa unha ratio de 3,34 por cada 100.000 habitantes, unha cifra moi inferior á media estatal. Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia estimamos que o mínimo imprescindible son 26 prazas para equiparar a media estatal e aproximarnos ao 4,3 por cada 100.000 habitantes.

Para o COPG resulta insuficiente e irresponsable que na convocatoria de 2016 só se inclúan tres prazas de especialista en psicoloxía clínica, máis aínda se temos en conta que nas últimas dúas OPE non se convocou ningunha praza. Resúltanos lamentable que os responsables da rede pública por unha banda fagan manifestacións afirmando que existe un número suficiente de psicólogos clínicos no SERGAS, mentres que por outro lado recoñecen as carencias asistenciais en psicoloxía clínica do sistema e tratan de cubrir esas eivas con bolsas de investigación e con convenios con oenegués para a prestación de asistencia, como vimos constatando nas áreas de atención a vítimas de tráfico, oncoloxía, coidados paliativos ou neuroloxía.