O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia expresa o seu absoluto rexeitamento e fonda preocupación polas decisións aprobadas polo Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña que deixaron a toda a poboación menor de 16 anos da área sanitaria da Coruña sen psicólogo/a clínico/a de referencia desde o mes de outubro.
Isto aconteceu tras facer certos reaxustes no equipo, o que implicou que os nenos e nenas que viven en Carballo, Malpica de Bergantiños, Caión, Ponteceso, A Laracha, Cabanas e Coristanco deixaron de dispoñer dos tratamentos psicolóxicos que viñan recibindo. debendo facer, en todo caso, o seu seguimento un psiquiatra expresamente contratado para tal fin.
Ademais de supoñer unha discriminación inxustificada no catálogo de prestacións sanitarias para unha parte da poboación, preténdese suplantar o rol profesional do/a especialista en psicoloxía clínica ofrecendo un profesional que conta cunhas habilidades e unha preparación significativamente diferentes. Así, mentres que o/a psicólogo/a clínico/a posúe unha capacitación ampla sobre técnicas de avaliación e intervención psicolóxica individual e familiar, os psicofármacos son as armas terapéuticas fundamentais do/a psiquiatra.
As técnicas de avaliación e tratamento psicolóxico son de primeira elección ou de preferencia maioritaria na totalidade das guías de práctica clínica que abordan a saúde mental da poboación infanto-xuvenil; isto é, están avaladas pola evidencia empírica por encima doutras modalidades de intervención (que teñen menos eficacia ou máis riscos).
Esta decisión engádese a outras previas que supoñen, no seu conxunto, limitar a accesibilidade aos tratamentos psicolóxicos, unha prestación recollida na carteira de servizos do SERGAS e un dereito da poboación. Así, desde o ano 2011, os pacientes ingresados na planta de psiquiatría do Hospital de Oza non dispoñen de ningún profesional da psicoloxía que poida planificar e implementar tratamentos psicolóxicos como viña sucedendo ata entón e segue ocorrendo no resto dos hospitais galegos.
No mesmo senso, os/as profesionais da área veñen demandando desde hai anos que os pacientes que o precisen poidan ser remitidos desde o/a médico/a de atención primaria directamente ao/á especialista en psicoloxía clínica, sen necesidade de agardar que o/a psiquiatra de referencia teña que dar o seu visto bo.
O COPG recorda que a categoría profesional de Facultativo Especialista de Área outorga aos psicólogos e psicólogas o mesmo status legal, responsabilidade e capacidade asistencial na súa área de coñecemento que para o resto das especialidades sanitarias. Ditas limitacións, vetos e ostracismo promovidos por profesionais alleos á psicoloxía recortan selectivamente os dereitos da poboación e impiden desenvolver con autonomía e eficacia unha profesión de recoñecido prestixio social.
Desde o Colexio de Psicoloxía de Galicia faise un chamamento aos poderes públicos, e en especial á administración sanitaria, para que dispoña os medios que permitan reverter a alarmante situación exposta e que facilite á poboación un acceso equitativo, racional e eficaz aos tratamentos psicolóxicos. Por iso é imprescindible que se produza a convocatoria inmediata das prazas necesarias de psicólogos/as clínicos/as, dada a notoria escaseza destes profesionais na sanidade pública galega tal e como veñen investigando tanto o Valedor do Pobo como o Defensor del Pueblo.