O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reivindica a mediacion intraxudicial como servizo público

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) insta ás Administracións públicas a asumir como propio un servizo de mediación intraxudicial en todas as cidades de Galicia, co gallo do Día Europeo da Mediación que se conmemora este 21 de xaneiro.

Ao longo da última década, o COPG vén desenvolvendo programas de mediación familiar intraxudicial en varias cidades galegas a través dos convenios de colaboración asinados co colexios de avogacía, a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e mais coa Xunta de Galicia. Esta experiencia demostrouse como un modelo eficaz e útil para a cidadanía e tamén para as e os profesionais da Xustiza. Pero este modelo non é suficiente para garantir unha cobertura adecuada para toda a cidadanía da Comunidade Autónoma, polo que é preciso que se consolide un marco normativo e as prazas na rede pública, para garantir un servizo público cunha cobertura universal, con uniformidade de criterios, accesible e ben coordinado.

A mediación é unha ferramenta de grande utilidade social, que procura unha solución consensuada e satisfactoria para as partes implicadas nun conflito, ao tempo que axuda a aliviar o sobrecargado sistema xudicial. Desde o COPG defendemos a utilidade da mediación na sociedade en todo tipo de conflitos, ben sexa no ámbito familiar, penal, sanitario, empresarial, laboral ou das organizacións, por exemplo. De feito, as estatísticas sinalan que os acordos conseguidos a través da mediación perduran máis no tempo.

O COPG e a mediación       

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia está recoñecido como Institución de Mediación polo Ministerio de Xustiza. O compromiso do COPG coa mediación está plasmado nos propios Estatutos da organización colexial, que foron modificados en 2013 para incorporar entre os seus fins “impulsar e desenvolver a mediación”, co fin de adaptarse á Directiva europea 2008/52/CE. A partir de aí, constituíuse ante o Ministerio de Xustiza como entidade de mediación e creou o Rexistro de Mediadores e Mediadoras.

Xa no ano 2000 se conformara no COPG a Comisión Intersectorial de Mediación, que agrupa a representantes dos distintos campos de traballo da Psicoloxía, como o xurídico, o educativo, o sanitario, o da intervención social ou o do traballo e as organizacións.