O trauma en emerxencias centra a vindeira formación dos/as psicólogos/as que interveñen nestes sucesos

Os vindeiros días 25 e 26 de maio, os psicólogos e psicólogas do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio de Psicoloxía formaranse sobre as novas perspectivas en trauma. O curso ten como obxectivo facilitar a adquisición de coñecementos e ferramentas para  identificar mellor as respostas comúns ante situacións de crise e trauma, tratando de familiarizar as persoas asistentes cos diferentes tipos de intervención dentro do ámbito das emerxencias e catástrofes.

A actividade terá lugar na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, terá continuidade en outubro e xorde como unha necesidade formativa proposta polo GIPCE, contando co recoñecemento sanitario da Consellería de Sanidade.

Na formación analizaranse as novas conceptualizacións sobre trauma, as reaccións individuais máis comúns ante este tipo de eventos que poden experimentar as persoas afectadas por unha traxedia, así como o tipo de trastornos psicolóxicos que poden ir asociados a situacións de crise.

A docente será a psicóloga clínica e investigadora Dolores Mosquera Barral, figura de amplo recoñecemento nacional e internacional no eido dos traumas complexos e trastornos da personalidade, ademais de ser tamén unha recoñecida especialista en terapias de nova xeración como terapia sensoriomotora, mindfulness, aceptación e compromiso e outras. No ano 2017 recibiu o premio David Servan-Schreiber pola súa contribución no eido da terapia EMDR.

Dolores Mosquera forma parte da rede de terapeutas dos Programas de Atención Psicolóxica a Vítimas de Violencia de Xénero do COPG conveniado coa Xunta de Galicia, así como da Rede Nacional de Atención a Vítimas do Terrorismo. É directora do centro clínico Intra TP na Coruña e en Santiago de Compostela sobre o tratamento e estudo do trauma.