Os cans perigosos protagonizan un curso do Colexio Oficial de Psicoloxía esta fin de semana

Mañá sábado 9 de xuño, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ofrece un curso dirixido psicólogos e psicólogas en relación co protocolo para a tenencia de cans considerados como perigosos, que se desenvolverá ao longo da mañá na sede do COPG en Santiago de Compostela. 

Dada a presenza cada vez máis maioritaria dos cans na vida das persoas, incluso coa aparición das que se coñecen como "familias multiespecie" e, como consecuencia da lexislación vixente que determina as condicións precisas para a súa tenencia, desde o COPG organizouse este curso para abordar en que consiste unha tenencia responsable e como conseguir un can equilibrado. Cómpre ter en conta que o número de cans perigosos duplicouse desde 2013, e segundo as estatísticas, 3 de cada 4 propietarios recoñece descoñecer a lexislación que lles afecta.

Á marxe da envergadura dos animais e da súa capacidade física para causar lesións, as coñecidas como razas potencialmente perigosas non son, en realidade máis agresivas do que pode chegar a ser un can non incluído nesta listaxe, cando se sente ameazado. De feito, no mundo canino adoita dicirse que non existen cans perigosos, senón propietarios irresponsables, o que evidencia o papel da psicoloxía neste asunto.

Por isto, no curso estudarase a relación can-humano, a súa socialización e os posibles problemas de comportamento que pode presentar o animal, para o que se abarcará a súa resolución mediante a educación en positivo. Ángel Mollá Marcos, educador canino homologado pola Xunta de Galicia, e Noemí Graña Torralba, licenciada en Veterinaria con posgrao en Etoloxía Clínica, na especialidade de Medicina do Comportamento, serán os responsables da docencia deste primeiro curso sobre cans perigosos que se imparte no Colexio.