Psicólogos/as galegos/as aproxímanse ás ferramentas narrativas na mediación familiar

Mañá sábado 2 de xuño, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ofrece un obradoiro destinado aos psicólogos e psicólogas intervenientes nos servizos de mediación intraxudicial en Galicia, conveniados coa Xunta de Galicia e o COPG. Neste obradoiro, baixo o título "Prácticas narrativas en mediación familiar", preténdese actualizar en técnicas e estratexias de mediación, á vez que analizar a práctica en mediación ante casuísticas especiais.

No programa tratarase as historias de conflito que se contan en mediación familia e como se transforman as narrativas en conflito; así como os efectos deteriorantes dos conflitos na vida das familias e exparellas, ou cuestións éticas da mediación familiar.

O relator deste obradoiro é o psicólogo José María Rodríguez de Castro, que traballa desde 2015 como terapeuta familiar no Programa de Prevención e Preservación Familiar Rumbo de Opción 3 en Canarias (La Laguna, Tenerife), dirixido a adolescentes e as súas familias, do Goberno de Canarias en colaboración coa Dirección Xeral de Protección á Familia e a Infancia e a Fiscalía Provincial de Menores.

Ten exercido como terapeuta familiar en Protección á Infancia e a Familia no equipo do Servizo de Infancia e Familia (Consell de Mallorca), especializado en rehabilitación de traumas asociados á desprotección. Foi profesor asociado de 2007 a 2015 en Traballo Social na Universidade das Illas Baleares (UIB) e tamén impartiu formación no Experto Universitario en Intervención Sistémica Breve da Universidade de La Laguna (ULL) e do Máster de Mediación Familiar da UIB, entre outros.