A resiliencia protagoniza a nova edición das Xornadas de Psicoloxía e Saúde con máis de 100 participantes

Mañá sábado 21 de novembro, máis de cen psicólogos e psicólogas participarán na XXV Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que nesta edición levan como título "Adaptacións positivas e adversidades significativas: a resiliencia psicolóxica", e que por primeira vez neste cuarto de século de traxectoria se celebrarán en formato online, tal e como esixe as actuais circunstancias sanitarias.  

O encontro, de carácter científico-profesional pretende realizar unha reflexión sobre o proceso da resiliencia nas persoas, entendido como a capacidade para sobrepoñerse ás adversidades da vida; dado que desde o Comité Organizador estimaron oportuno traballar este aspecto nun tempo que está a ser especialmente adverso para moitas persoas, con moito sufrimento emocional e anímico. Preténdese observar o proceso da resiliencia, como axudar ou non a construíla, abordando circunstancias concretas como a discapacidade, o trastorno mental grave, a infancia, o xénero, a pertenza a unha minoría, etc.; á vez que se enmarca na influencia das narrativas culturais,  sociais e mesmo clínicas que inciden no proceso. 

A primeira das mesas estará protagonizada pola Unidade Docente de Psicoloxía Clínica do Complexo Hospitalario da Coruña, baixo o título "Vidas apañadas", e que contará coa intervención de Jorge García Fernández, Gonzalo Martínez Sande, Javier Sardiña Agra, Xacobe Abel Fernández García, Salomé Botana Martínez, Zoraida González Cornide, Sandra Golpe Ferreiro e María Manovel Barreiro. Seguidamente, a psicóloga clínica Aislinn García Hermo, membro do equipo da asociación La Porvenir, presentará a conferencia "Da resiliencia á resistencia: feminismo, minorías e narrativas da vulnerabilidade".

Tamén estarán dispoñibles unha serie de comunicacións baixo a denominación "Pílulas de resiliencia", coa que pretenden ofrecer unha reflexión do proceso de resiliencia desde diferentes contextos. “A resiliencia: unha ollada desde a Psicoloxía Educativa”, será a proposta de Mª Begoña Castro Iglesias, membro da Xunta Directiva da Sección Educativa do COPG e xefa do Departamento de Orientación do CEIP Agro do Muiño (Bertamiráns - Ames); e Manuela del Palacio García, presidenta da mencionada Sección e xefa do Departamento de Orientación do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo). A psicóloga Raquel García Fernández, terapeuta familiar e experta en Intervención Familiar, presentará "Botando raíces: a resiliencia na infancia”. Mentres que a psicóloga sanitaria Hadriana Ordóñez Otero, especializada en empoderamento persoal e sexual a mulleres e persoas con discapacidade, reflexionará “Quen dixo límite? Resiliencia e discapacidade. Un xeito de coller o vento a favor”. A última proposta será “Resiliencia e psicose: da ruptura á reconstrución”, que exporá Yolanda Castro Casanova, psicóloga clínica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e terapeuta familiar.

Tamén se presentará o novo número do Anuario da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG, ademais de reservar un espazo para as comunicacións libres e pósteres, nesta ocasión en formato de vídeo-comunicación, que foron remitidas polos colexiados e colexiadas nas que se trate calquera temática relacionada coa psicoloxía clínica ou da saúde. As mellores, tanto en formato oral como escrito, recibirán un bono formación da Sección de Psicoloxía e Saúde por valor de 200 euros.

As Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde son o encontro científico-profesional de maior antigüidade organizado polo COPG, desde as primeiras celebradas en 1996, que buscan promover o intercambio de experiencias e coñecementos desta área entre o colectivo profesional da psicoloxía e da saúde, así como promover a actualización científico-técnica en materias específicas. Esta iniciativa vai dirixida a psicólogas e psicólogos colexiados; estudantes de psicoloxía e outros/as profesionais interesados na temática a tratar.