A tenza de cans perigosos centra un curso do Colexio Oficial de Psicoloxía esta fin de semana

Mañá sábado 27 de abril, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ofrece un novo curso dirixido psicólogos e psicólogas en relación co protocolo para a tenencia de cans considerados como perigosos, que se desenvolverá ao longo da mañá na sede do COPG en Santiago de Compostela. 

Dada a presenza cada vez máis maioritaria dos cans na vida das persoas, incluso coa aparición das que se coñecen como "familias multiespecie" e, como consecuencia da lexislación vixente que determina as condicións precisas para a súa tenza, desde o COPG organizouse este segundo curso. Cómpre ter en conta que o número de cans perigosos duplicouse desde 2013, e segundo as estatísticas, 3 de cada 4 propietarios recoñece descoñecer a lexislación que lles afecta.

Á marxe da envergadura dos animais e da súa capacidade física para causar lesións, as coñecidas como razas potencialmente perigosas non son, en realidade máis agresivas do que pode chegar a ser un can non incluído nesta listaxe, cando se sente ameazado. De feito, no mundo canino adoita dicirse que non existen cans perigosos, senón propietarios irresponsables, o que evidencia o papel da psicoloxía neste asunto.

Por isto, no curso abordaranse hipóteses explicativas sobre as agresións caninas, así como novos modelos de avaliacións destas agresións. Roberto Estévez Andrade, psicólogo sanitario e antrozoólogo, xunto co tamén psicólogo sanitario Alejandro González Piñeiro serán os responsables da docencia deste segundo curso sobre cans perigosos que se imparte no Colexio.

Desde o Grupo de Tráfico e da Seguridade do COPG, que organiza esta actividade consideran necesaria este tipo de formacións, xa que como profesionais cómpre avaliar a través de probas psicométricas cuestións como as competencias cognitivas e de personalidade para cans, a empatía emocional con cans ou a empatía para nenos e nenas con cans. Tamén están a traballar desde este Grupo en novos protocolos de avaliación como nun cuestionario informatizado de avaliación de factores de risco das agresións caninas.