Trinta e un profesionais da psicoloxía prepáranse para intervir en emerxencias e catástrofes

Mañá venres e durante dúas fins de semana, un total de 31 psicólogos e psicólogas formaranse para intervir en emerxencias e catástrofes grazas a un curso que se desenvolverá en Santiago de Compostela os días 14, 15, 28 e 29 de setembro. Nesta actividade ofertada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia coñecerán as pautas nas actuacións do GIPCE (Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias) do COPG e deste xeito poden adquirir os coñecementos, técnicas e habilidades para o desempeño profesional en contextos de emerxencias.

 

No curso analizaranse as distintas reaccións individuais e grupais das persoas afectadas que poden experimentar en situacións de catástrofes e emerxencias e que tipo de trastornos poden asociarse. Así mesmo, revisarase o papel e a función do psicólogo ou psicóloga, os seus obxectivos e os principios de actuación, así como as ferramentas que teñen á súa disposición, tendo en conta as características específicas deste tipo de circunstancias. A planificación, a xestión da información e a comunicación serán obxecto de reflexión nas xornadas, pero tamén se terá en conta o coidado dos e das intervenientes.

 

Unha das docentes será Avelina Senra Comesaña, psicóloga clínica, membro do GIPCE desde 2004 e que formou parte do Grupo de Apoio a Intervenientes . Completa o cadro docente a psicóloga Olegaria Mosqueda Bueno, psicóloga e membro do GIPCE desde 2005, forma parte do grupo de xefas de garda, ademais de contar coa acreditación de Experta en Psicoloxía de Emerxencias e Catástrofes do Consejo General de la Psicología.

 

O curso, de perfil teórico-práctico impartirase na sede da Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela.

 

 

O GIPCE

 

O GIPCE é un grupo de psicólogos e psicólogas colexiados e especializados na atención psicolóxica en situacións de emerxencia e catástrofes. Coa súa intervención procuran minimizar o impacto nas persoas afectadas, restaurar as súas capacidades e recursos para que poidan resolver o máis eficazmente a situación de estrés e previr posibles problemas psicolóxicos posteriores. Tamén asesoran a dirección da emerxencia sobre o impacto psicolóxico das súas actuacións nos colectivos afectados, e realizan unha tarefa de autocoidado do grupo, intervindo para diminuír o nivel de estrés dos intervenientes tras realizar unha intervención.

 

O GIPCE actívase a través do 112 e intervén durante o tempo que dura a situación crítica, en contextos como accidentes, inundacións, naufraxios, desaparicións, secuestros, situacións de violencia etc., nas que haxa persoas afectadas que precisen de atención psicolóxica, e sempre e cando as persoas afectadas acepten a súa participación. Pertence ao Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e desde o ano 1997 conta cun convenio coa Xunta de Galicia.

 

A súa andaina comezou en 1996, cos movementos sísmicos de Lugo e Ourense, baixo o nome de Grupo de Protección Civil. A partir dos atentados do 11-M no 2004 deu un salto cualitativo e cuantitativo, e xerouse unha rede de profesionais capaz de dar unha resposta eficaz neste tipo de situacións todos os días do ano.