A Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG organiza as súas XXX Xornadas da Sección baixo o título “Recalculando ruta”, que terán lugar en Santiago de Compostela os días 6, 7 e 8 de novembro de 2025.
Despois de 30 anos desde a celebración das primeiras Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde, faise necesario realizar un balance sobre a evolución do campo da psicoloxía clínica, tanto desde as súas abordaxes e técnicas como desde a súa propia organización, así como unha reflexión sobre o seu futuro.
Os cambios sociais, as novas modalidades de actuación, os enfoques telemáticos e a aparición da intelixencia artificial supoñen retos que a psicoloxía clínica necesita afrontar.
Por iso mesmo, nestas XXX Xornadas tan especiais, trataremos de debater sobre a necesidade da creación de servizos de Psicoloxía Clínica dentro do Sistema Nacional de Saúde e, do mesmo xeito, sobre a importancia de establecer a especialidade de Psicoloxía Infanto-Xuvenil como unha especialidade vía PIR, cun corpus teórico-práctico e entidade propia. Así mesmo, propómonos realizar, desde unha postura crítica, unha reflexión sobre o papel do diagnóstico e, nalgúns casos, do sobrediagnóstico, con todas as implicacións sociais e éticas que isto implica e abordar as dificultades coas que se encontran os profesionais no traballo con persoas con enfermidades crónicas e/ou terminais.
Podes facer a túa inscrición envinado o boletín cuberto ao enderezo electrónico copgalicia@copgalicia.gal ata o 27 de outubro, ou a través da sede electrónica do COPG.