O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia únese ao comunicado do Movemento Galego de Saúde Mental no Día Mundial da Saúde Mental

10/10/2025
 
Hoxe, día 10 de outubro, é o Día Mundial da Saúde Mental e queremos destacar a importancia da saúde mental como parte fundamental do benestar humano.
 
A continuación remitimos comunicado do Movemento Galego de Saúde Mental ao que nos unimos desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. 
 
NIN MANICOMIO NIN INTEMPERIE: UN FOGAR. POR UNHA VIVENDA DIGNA, ACCESIBLE E SUFICIENTE
 
Desde o MGSM queremos trasladar á opinión pública, no Día Mundial da Saúde Mental, a grave situación pola que están pasando moitas persoas con problemas de saúde mental que ven día a día derrogados os seus dereitos e a posibilidade de construír unha vida digna de acordo coas súas preferencias persoais pero tamén das súas necesidades. Estamos a falar da imposibilidade de vivir de forma independente e de ser incluído na comunidade.
 
O artigo 19 da Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade insta aos Estados parte (nos que se inclúe o Estado español) a adoptar todas as medidas efectivas e pertinentes para facilitar o pleno goce deste dereito, asegurando en especial:
 
-. Que teñan a oportunidade de elixir o seu lugar de residencia, onde e con quen vivir, en igualdade de condicións que as persoas sen discapacidade, e a non se ver obrigadas a vivir con arranxo a un sistema de vida específico.
-. Que teñan acceso a unha variedade de servizos de asistencia domiciliaria, residencial e doutros servizos de apoio na comunidade, incluída a asistencia persoal que sexa necesaria para facilitar a súa existencia e a súa inclusión na comunidade e para evitar o illamento ou separación desta.
-. Que as instalacións e os servizos comunitarios para a poboación xeral estean á súa disposición, en igualdade de condicións que as persoas sen discapacidade e se teñan en conta as súas necesidades.
 
Somos coñecedores que a cuestión da vivenda é un problema estrutural que ten a súa orixe na especulación e no enriquecemento ilexítimo, que tamén afecta a amplas capas da poboación, e ante o que, ata o de agora, os sucesivos gobernos non puxeron freo de forma decidida ou se atoparon cando o fixeron con todo tipo de obstáculos.
 
Son coñecidas as severas repercusións psicolóxicas na poboación que se viu afectada pola anterior burbulla inmobiliaria e a crise do ladrillo do 2008, e tamén pola actual burbulla do aluguer, con condicións inasumibles, prezos insostibles e pouca oferta de vivenda, dedicada agora ao sector turístico e á especulación inmobiliaria por parte de empresas de capital risco que chegan a expulsar a veciños e veciñas dos seus domicilios. Os procesos de xentrificación e turistificación están provocando un éxodo da veciñanza tradicional a outras zonas máis periféricas e modificando radicalmente a arquitectura dos barrios. Perden a súa identidade e memoria colectiva converténdose en non poucas ocasións nunha especie de parques temáticos, en produtos de consumo e non en espazos de vida e cohesión social.

Isto ten consecuencias sobre a saúde mental da poboación onde, recordemos, teñen máis peso os determinantes sociais e as condicións de vida que os factores biolóxicos individuais.

As persoas con diagnóstico psiquiátrico vense afectadas, como cidadáns, polos mesmos problemas que a poboación xeral. Pero ademais teñen unha serie de trabas que fan máis difícil vencer estas limitacións; entre outras: teñen mais risco de estar en situación de desvantaxe económica ou directamente pobreza; con maior frecuencia están en situación de exclusión social que pode incluír dificultades para participar de forma activa na comunidade e comunicar ou defender os seu dereitos; e a miúdo son vítimas de estigma e abusos. Estas situacións complican a súa estabilidade emocional e mental, xa de por si difícil, creando unha dinámica circular complexa que se auto perpetua.
 
Debemos sinalar unha serie de casuísticas en relación coa vivenda que están afectando a moitas persoas con trastorno mental grave:
 
-. Senfogarismo: sendo moi cautelosos á hora de atribuír causa-efecto, hai unha porcentaxe de persoas en situación de rúa con problemas de saúde mental e/ou adiccións e que non teñen un acceso eficaz tanto a recursos sanitarios como sociais. E de forma paradoxal, en moitas ocasións os requisitos que esixen para acceder a estes servizos, incluídos os de vivenda, non son factibles pola súa condicións psiquiátrica.
 
-.Ingresos en hospitais psiquiátricos de media-longa estancia: sendo adecuadamente derivados a centros hospitalarios de rehabilitación, unha parte dos pacientes fican sine die nos mesmos a pesar da súa estabilización clínica e da súa recuperación funcional. Os últimos informes do Mecanismo Nacional da Tortura, sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo ou o máis recente sobre a Robleda, dan conta da existencia de persoas que levan anos ingresadas por falta de recursos extrahospitalarios
 
-. Pisos protexidos e mini-residencias, xestionadas por asociacións: o goberno da Xunta de Galicia renunciou desde o inicio a xestionar directamente este tipo de recursos comunitarios, que serían ferramentas terapéuticas moi potentes para os equipos de rehabilitación. O número de prazas tanto en pisos como en mini-residencias é moi deficitario, existindo unha lista de agarda que pode ser de anos para que unha persoa con trastorno mental grave poida optar a esas prazas.
 
-. Pensións: con frecuencia é unha alternativa habitacional posible. De prezos elevados e sobre todo en moitos casos en condicións deficitarias: habitacións sen dereito a cociña, ou baños compartidos, que non reúnen as características para ser chamado un fogar, senón un lugar de transición eterno no que moitas persoas vivirán de forma indefinida.
 
-. Residencias sociosanitarias: as antigamente chamadas da terceira idade. É coñecida a problemática actual en relación coa entrada nas mesmas por emerxencia social. Persoas con problemas de saúde mental e adiccións, non estabilizadas, que se ven implicadas en conflitos con outros/as residentes ou co persoal. Sendo evidente que teñen dereito a acceder a unha praza residencial, se é o caso, é tamén ostensible que os problemas que están acontecendo son resultado dunha política social caótica e improvisada que, uns anos despois, aínda non se resolveu. É observable a contradición, por outro lado, da paralización de derivacións desde os hospitais psiquiátricos a estes centros residenciais de persoas con estabilización clínica sostida.
 
-. Familias: unha parte importante dos coidados e apoio económico e instrumental das persoas con diagnóstico psiquiátrico seguen a recaer nas familias, sendo nunha parte dos casos non unha opción persoal libremente elixida por parte de todos os seus membros, senón consecuencia da falta de alternativas adecuadas que fomenten a autonomía persoal e a independencia.
 
-. Equipos de Continuidade de coidados: trátase dun dispositivo asistencial que permite o seguimento clínico intensivo do paciente nos seus domicilios, o que frea a ruptura vital que pode supoñer un ingreso hospitalario. Sen embargo, os equipos profesionais están saturados e teñen que abarcar un ámbito xeográfico moi extenso, que impide esa continuidade asistencial proactiva.
 
Estas diferentes situacións, detalladas de forma non exhaustiva, son contrarias a un modelo comunitario de atención á saúde mental, integral e baseado nos dereitos. Provocan reagudizacións clínicas, fenómenos de porta xiratoria, un estado de desesperanza nas persoas que a sofren e os seus achegados/as e sentimentos de impotencia nos profesionais.
 
As Administracións deben implicarse dunha vez por todas, con inversión necesaria e lonxe de modelos hospitalocéntricos obsoletos que supoñen unha condición de “vía morta” na asistencia ás persoas con diagnóstico psiquiátrico, coartando calquera posibilidade de desenvolvemento dun proxecto de vida, xa alterado pola enfermidade.
 
O próximo 18 de outubro, o MGSM organiza as X xornadas anuais, baixo o título que da inicio a este comunicado. Esperamos que sexan un espazo de reflexión colectiva, de aportacións produtivas e de visibilización social da enorme problemática que supón a falta de vivenda, tanto para a sociedade en xeral como para o colectivo de saúde mental.