O 25 de novembro é unha data que nos convida a reflexionar e actuar ao redor dunha problemática que afecta a millóns de mulleres en todo o mundo: a violencia de xénero. Esta violencia maniféstase en diversas formas, e na base de todas elas atópanse as violencias simbólicas.
A violencia simbólica no ámbito da violencia de xénero fai referencia a aquelas formas de violencia que se exercen a través de símbolos, imaxes, discursos e prácticas cotiás que perpetúan a desigualdade e a discriminación cara ás mulleres. Maniféstanse na normalización de estereotipos de xénero que desvalorizan ás mulleres, na representación da muller como obxecto e no menosprezo dos seus logros e capacidades. Estas expresións teñen un impacto profundo na saúde e, por tanto, na liberdade das mulleres, así como no seu acceso a dereitos fundamentais.
A psicoloxía ten un papel crucial na comprensión e a abordaxe da violencia simbólica. A través dun enfoque crítico, podemos identificar como os discursos sociais, políticos, mediáticos e educativos perpetúan a desigualdade. É fundamental que, como profesionais, traballemos na deconstrución destes estereotipos e na promoción dunha imaxe da muller que a empodere e a valore na súa diversidade.
É necesario que as institucións, os medios de comunicación e a sociedade en xeral asuman un compromiso real na loita contra a violencia simbólica. Isto implica unha revisión profunda dos contidos que se difunden, así como a implementación de políticas que promovan a igualdade de xénero. A educación xoga un papel fundamental neste proceso; desde a infancia, é esencial ensinar ás novas xeracións a recoñecer e rexeitar calquera forma de violencia, incluíndo a simbólica.
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e o Consejo General de la Psicología facemos un chamado ao colectivo profesional a sensibilizarse sobre este tema e a incorporar nas súas práctica ferramentas que permitan detectar e abordar a violencia simbólica. A intervención psicolóxica pode contribuír á sanación e fortalecemento das mulleres, axudándoas a reconstruír a súa identidade e autoestima, e a desenvolver unha resistencia fronte ás violencias que enfrontan.
Así mesmo, instamos á sociedade a ser aliada nesta loita. A eliminación da violencia simbólica non é unha tarefa exclusiva das mulleres; é un desafío colectivo.
O Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres lémbranos que aínda queda moito por facer. Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e o Consejo General de la Psicología, reafirmamos o noso compromiso de traballar por unha sociedade libre de violencias, na que as mulleres poidan vivir con dignidade, respecto e en igualdade de condicións. É hora de alzar a voz e actuar contra todas as formas de violencia, simbólica e doutro tipo, que afectan as mulleres. Como sociedade, podemos construír un futuro máis xusto e igualitario.
Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

