O Colexio de Psicoloxía de Galicia iniciou máis de 30 actuacións por intrusismo en 2017

9/1/2018

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia iniciou un total de 31 expedientes por posible intrusismo profesional en 2017, a través da súa Comisión para a Defensa da Profesión e para a Prevención do Intrusismo. As actuacións abertas recollen diversas casuísticas, entre elas as de exercer funcións propias da psicoloxía sen contar coa titulación, por publicidade enganosa, por estar a exercer sen a colexiación obrigatoria ou por anunciarse como especialista en psicoloxía clínica sen contar con esta especialidade.

O Colexio ten a función de velar por que á cidadanía se lles ofrezan servizos de psicoloxía que garantan e cumpran coa calidade e as obrigas legais establecidas, xa que no seu exercicio está en cuestión o benestar, a saúde, a calidade de vida, a plenitude do desenvolvemento das persoas e dos grupos, nos distintos ámbitos da vida individual e social. Así pois, a colexiación é unha garantía pública de que o psicólogo ou psicóloga cumpre tanto coa titulación e cos requisitos legais para exercer, sexa cal sexa a especialidade ou área de traballo.

A crise económica fixo abrollar falsos profesionais que aproveitan a vulnerabilidade das persoas ao que se suma unha moi deficiente atención psicoloxía nos servizos públicos (sanitarios, educativos, servizos sociais), o que supón un verdadeiro risco para a saúde e o benestar das persoas. Non é só un calote, unha estafa; é que as consecuencias poden ser nefastas para a persoa usuaria, á vez que prexudica gravemente a imaxe social da psicoloxía, que si é unha disciplina científica, que emprega métodos contrastados e rigorosos, e que está suxeita a un código deontolóxico.

En 2017, desde a Comisión para a Defensa da Profesión e para a Prevención do Intrusismo tamén se levou a cabo unha colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con quen conformou un grupo de traballo que frutificou nunha xornada o 3 de outubro baixo o título "Informa_DOR". Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia vimos comprobando como o sufrimento das persoas non é tratado sempre do mellor xeito posible nos medios, sobre todo desde o punto de vista das vítimas, en ocasións polo descoñecemento profesional de como realizar un traballo necesario, o xornalístico, sen provocar un maior dano ás persoas afectadas. Noutras circunstancias, as menos afortunadamente, ese dano ignórase deliberadamente a prol de aumentar audiencias. No grupo abordouse de forma conxunta desde o punto de vista tanto do xornalismo como da psicoloxía como tratar adecuadamente o sufrimento humano nos medios de comunicación, as súas implicacións e as esixencias profesionais.

Na xornada de outubro contouse coa participación da xornalista Rosa María Calaf e do colexiado José Luis Rodríguez-Arias Palomo, así como das persoas que participaron no grupo de traballo conxunto, onde presentaron un despregable que sintetiza unha serie recomendacións prácticas e información de interese para a abordaxe de noticias sobre Violencia contra a Muller, Suicidio, Saúde Mental, Menores e Emerxencias, Catástrofes e Persoas Desaparecidas.

Desde a Comisión para a Defensa da Profesión e para a Prevención do Intrusismo continuaremos traballando neste novo ano para promover un mellor coñecemento da nosa profesión entre a cidadanía, para o que faremos especial incidencia en accións de comunicación pública que iremos dando a coñecer en datas próximas.