Ante as declaracións da Valedora do Pobo sobre as persoas sen fogar de Santiago de Compostela, o Colexio Oficial de Traballo Social, O Colexio Oficial de Educadores e Educadoras Sociais e o Colexio Oficial de Psicoloxía fan o seguinte manifesto.

2/12/2016

MANIFESTO

Nelson Mandela dicía que unha nación non debe xulgarse por como trata os seus cidadáns e cidadás en mellor posición senón por como trata a queb ten pouco ou nada. A Valedora do Pobo galego vén de afirmar que unha das solucións que se lles debe dar ás persoas sen teito de Santiago de Compostela é a incapacitación. A incapacitación civil é unha figura coa que non se debe banalizar porque supón a anulación de parte ou da totalidade dos dereitos civís dunha persoa, dereitos sobre os que se fundamente o concepto de persoa como tal. A incapacitación xa existe como fórmula debidamente regulada e baixo as correspondentes garantías xurídicas, pero co propósito, precisamente, de protexer os dereitos daqueles individuos que se considera que non teñen capacidade de obrar. 

Por outra banda, se afirmamos que vivimos nunha sociedade democrática, cómpre lembrar que o artigo 10 da Constitución, recolle que a dignidade das persoas é o fundamento de toda orde política. As afirmacións da Valedora van no sentido contrario a isto, pois falan da eliminación dun problema, como se ese problema fose algo abstracto e non estivesemos a falar de seres humanos. A súa proposta vai cara á súa exclusión, á súa eliminación do espazo público, ben sexa porque queren ou, se non queren, pola forza. Dese xeito, eliminamos a estas persoas do noso campo de visión para que a súa presenza non nos recorde que non hai café para todo o mundo nin as eivas do sistema social no que vivimos. 

Do mesmo xeito, a Valedora di que haberá que sometelos a tratamento. Forma parte da dignidade da persoa ter capacidade para decidir se quere ou non recibir un tratamento. Dun lado, porque se ten demostrado que son ineficaces se van contra a vontade da ou do individuo e do outro porque nega a súa liberdade. É, de novo, unha obxectualización do ser humano, da persoa. 

Se recuperamos o texto da Estratexia Integral para Persoas sen Fogar 2015-16, aprobada en novembro de 2015 polo Consello de Ministros, fundaméntase no principio de preservar os dereitos que teñen as persoas sen teito e tamén o compromiso dos poderes públicos para poder exercelos con dignidade, e define como o primeiro deles o dereito á seguranza de vida, isto é, a que se garanta a existencia destas persoas, así como a súa integridade física e psíquica, polo que abraza un enfoque centrado nas persoas. Este documento establece como directriz imprescindible para as actuacións con persoas sen teito contar coa súa participación. Recolle tamén que os mellores resultados nesta materia lográronse cando as intervencións foron capaces de estimular a participación das persoas sen fogar.

Cómpre lembrar que a Oficina do Valedor do Pobo, en 2010, nun informe concluía que a existencia das persoas sen fogar non pode resolverse a curto prazo e que vai seguir caracterizando a vida dos espazos cidadáns. 

Por suposto, con toda a argumentación precedente, non pretendemos negar que, destas situacións, non se deriven problemas de convivencia. Porén, a súa solución deriva de sucesivas medidas de intervención social, non dunha resposta que nega a condición de persoa, de cidadanía, das persoas afectadas.  E, en todo caso, como a cidadanía, as persoas, teñen a capacidade para escoller como e onde vivir, convértense en suxeito de dereito que responderá ante calquera conduta inadecuada ou feito ilegal. 

Do mesmo xeito, estas declaracións son un novo estigma e tamén antipedagóxicas a nivel social de cara ás persoas que teñen unha enfermidade mental. 

Efectivamente, unha sociedade caracterízase por como trata a cidadanía que ten pouco ou nada. Isto pasa por non facer abordaxes simplistas de cuestións tan poliédricas como a exclusión social, polo compromiso dos poderes públicos e por implicar a sociedade na erradicación destes fenómenos.