Día Mundial do Alzheimer 21 de setembro "Alzheimer conciencia social"

21/9/2018

O día 21 de setembro de 1994, a Organización Mundial da Saúde (OMS), baixo o auspicio da Federación de Asociacións Alzheimer's Desease International (ADI), estableceu a celebración do DÍA MUNDIAL DO ALZHEIMER, para centrar a atención nas persoas afectadas: enfermas, coidadoras e familiares. 

A Confederación Española de Alzheimer (CEAFA) escolleu para este ano o lema "Alzheimer Conciencia Social" para tratar de concienciar e sensibilizar a sociedade en xeral e a sociedade científica na necesidade de abordar a enfermidade de Alzheimer dunha maneira integral, baseada no respecto aos dereitos das persoas enfermas e as súas familias. 

A vida cotiá para unha PERSOA AFECTADA POLA ENFERMIDADE DE ALZHEIMER pode cursar con: 

Alucinacións e alteración condutual.
Lentitude de pensamento.
Zambullirse cada día nun mar de incerteza onde non atopa a saída.
Habilidades minguadas e humor variable.
Enfado coa persoa coidadora.
Imaxinación para encubrir os esquecementos, especialmente ao inicio da enfermidade.
Memoria recente anulada a medida que avanza a enfermidade.
Entusiasmo para facer as cosas por si mesmo/a.
Recuperación de vellos recordos. 

Quizais non o poden expresar con palabras, pero o que transmite a súa mirada é:  “O Alzheimer bórrame os recordos, pero non os sentimentos”.

A convivencia coa persoa enferma para AS PERSOAS COIDADORAS, O ALZHEIMER significa: 

Amor, para dar sen medida. 
Leccións, para aprender na vida. 
Zozobras, que non faltarán no camiño. 
Humor, para desdramatizar. 
Entusiasmo, ¡indispensable!
Ilusión e Imaxinación, ¡ingredientes necesarios!
Medos, para enfrontar e superar.
Enerxía, para continuar o camiño.
Respecto por si mesma ¡Conditio Sine Qua Non!

E poder dicir ao final do proceso: quixen, aprendín, dubidei… moitas veces, rin… tamén me ilusionei… moitos días, enfronteime ás adversidades con enerxía e, sobre todo… aprendín a respectar as miñas necesidades e non sentirme culpable por pedir ¡AXUDA! 

Desde o Grupo de Envellecemento do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, conscientes do problema que representa para os enfermos, coidadores e familiares, o feito de estar afectado pola Enfermidade de Alzheimer:

 

- INSISTIMOS na necesidade de obter o diagnóstico na fase inicial da enfermidade para mellorar  a súa calidade de vida, e polo beneficio que proporciona ás persoas afectadas pola enfermidade de Alzheimer, a atención inicial dos aspectos psicolóxicos, emocionais e sociais. 

- APOIAMOS con firmeza a investigación para conseguir avances científicos que poidan previr e tratar a enfermidade.

- IMPULSAMOS a formación de coidadores, familiares e profesionais cualificados, para proporcionar un bo trato ás persoas enfermas e traballar desde a prevención, fomentando un estilo de vida activo e saudable física e mentalmente. 

- INSTAMOS á incorporación de medidas de protección, xurídicas, legais e éticas para as persoas afectadas pola enfermidade. 

- CONSIDERAMOS necesario que se incremente o coñecemento acerca da enfermidade de Alzheimer na sociedade, para sensibilizar e aumentar a tolerancia cara aos enfermos, familiares e coidadores. 

- ALENTAMOS ás distintas administracións e organizacións implicadas, á pronta implantación do Plan Nacional do Alzheimer, que cree estratexias a nivel nacional cunha entrada única no sistema en equidade, e que proporcione solucións que respondan ás necesidades de enfermos, coidadores e familiares. É importante que estas estratexias estean baseadas nunha atención social, psicolóxica e sanitaria de calidade, acompañadas dun marco xurídico  que garanta os   dereitos das persoas enfermas, coidadoras e familiares; así como garantindo os recursos necesarios para apoiar os estudos científicos destinados a lograr paliar os seus males e vencer a enfermidade