Os/as profesionais da psicoloxía clínica reclaman a accesibilidade real aos tratamentos psicolóxicos no sistema público de saúde

4/12/2018

A falta de accesibilidade real ao tratamento psicolóxico na sanidade pública galega foi a principal conclusión da xornada que esta mañá se desenvolveu no Hospital de Oza da Coruña, con motivo do 20 aniversario da creación da especialidade de psicoloxía clínica, na que participaron os psicólogos e psicólogas clínicas da EOXI da Coruña, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a Asociación de Psicólogos/as Clínicos/as do SERGAS (APCS) e o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM).

“A cidadanía ten dereito a dispoñer das prestacións sanitarias establecidas regulamentariamente para toda a poboación en condicións de equidade e xustiza. Privar a unha parte da poboación infantil e adolescente da comarca de Bergantiños e as súas familias dos tratamentos psicolóxicos que viñan recibindo de xeito abrupto, arbitrario e inxustificado supón unha grave irresponsabilidade. Bloquearlles o acceso a un profesional da psicoloxía clínica aos nenos e adolescentes dos concellos de Carballo, Ponteceso, Malpica, Coristanco, A Laracha e Cabana é unha forma de discriminación inédita e vergonzosa”, sinalaron nas conclusións presentadas ao final das xornadas.

Por iso, desde todos os colectivos intervenientes demandaron ás autoridades sanitarias “a inmediata subsanación desta situación” e animaron ás administracións locais destes concellos afectados a que esixan a restitución da prestación dos servizos de psicoloxía clínica suprimidos, así como ás familias para que presenten reclamacións para recuperar estes dereitos conculcados.

“Os tratamentos psicolóxicos son intervencións de primeira elección na meirande parte dos casos atendidos na Unidade de Saúde Mental Infantoxuvenil e tamén de adultos; son tratamentos eficaces e eficientes, ben tolerados polo paciente, ofrecen seguridade e manteñen os seus resultados beneficiosos no tempo”, indican.

Por iso consideran imprescindible “un maior acceso aos tratamentos psicolóxicos en todos os niveis asistenciais (Atención Primaria, Atención Ambulatoria Especializada e Hospitalización) en todo o Servizo Galego de Saúde”, xunto coa necesidade de que se poida derivar directamente desde Atención Primaria aos facultativos/as especialistas en Psicoloxía Clínica.

“A administración sanitaria debe levar a cabo accións encamiñadas para pasar da taxa de profesionais de psicoloxía clínica actual, en 3,5 psicólogos/as clínicos/as cada 100.000 habitantes, para que se achegue de maneira urxente á media europea, de 18 profesionais cada 100.000 habitantes”, advertindo de que o rol de Facultativo Especialista de Área en Psicoloxía Clínica, coas funcións que ten atribuídas, non pode ser “substituído, suplantado nin subsumido por ningún outro profesional sen menoscabo da saúde dos doentes”.