Neste mes de maio vén de constituírse a primeira Xunta Directiva da Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións (PTO) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que vén completar a estrutura orgánica desta corporación de dereito público. Deste xeito, preténdese continuar favorecendo o desenvolvemento científico profesional da psicoloxía neste ámbito, ao igual que nas demais seccións coas que conta o COPG (Psicoloxía e Saúde, Psicoloxía Educativa, Psicoloxía da Intervención Social e Psicoloxía Xurídica).
Nesta Xunta Directiva que inicia a súa andaina está integrada por profesionais de diversos ámbitos: empresa privada, sector público, universidade e terceiro sector. As psicólogas e psicólogos no ámbito das organizacións e dos recursos humanos interveñen en distintos ámbitos, como son:
- A ergonomía, sistemas de traballo e novas tecnoloxías;
- A saúde laboral e a prevención de riscos laborais; o asesoramento, a orientación laboral e profesional;
- O cambio, o desenvolvemento e a transformación organizativa e o coaching;
- As relacións laborais, a mediación, a negociación, a xestión de conflitos;
- A xestión da calidade e a avaliación-auditoría de programas;
- A xestión de recursos humanos;
- A formación e o desenvolvemento;
- A psicoloxía aplicada á mercadotecnia, á economía e ao consumidor;
- A investigación I+D+I e docencia.
"A psicoloxía no eido do traballo e das organizacións é moi ampla, xa que abrangue case calquera aspecto do lugar de traballo e das persoas dentro das organizacións, incluíndo, por exemplo, a análise das necesidades formativas, as recomendacións para a selección de candidatos ou candidatas a un posto de traballo, a garantía da seguridade e da saúde laboral, ou a avaliación da efectividade dun programa publicitario", sinala Carlos Montes Piñeiro, presidente da Sección de PTO. Entre os retos inmediatos da Sección, sinala como os máis destacados a divulgación do alcance da psicoloxía no contexto laboral e estimular o debate desde este ámbito en beneficio das persoas traballadoras, das empresas e das organizacións, e en definitiva, da sociedade no seu conxunto.
Se queres máis ampliar esta información ou facerte socio ou socia da Sección, podes consultar no seguinte enlace: [pincha aquí]