O Colexio de Psicoloxía e a Confederación de Empresarios da Coruña presentan unha guía sobre teletraballo

29/10/2020

O teletraballo irrompeu de forma abrupta na nosa realidade a consecuencia das esixencias que marca a COVID-19. Por iso, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Confederación de Empresarios da Coruña presentan un documento con "Recomendacións desde a psicoloxía para o teletraballo", co fin de proporcionar recursos tanto ás empresas como ás persoas traballadoras para que a experiencia de traballar a distancia sexa saudable e produtiva.

Esta guía practica aborda cuestións como a seguridade e saúde no traballo ou as canles de comunicación, que resultan unha das principais barreiras á hora de exercer a actividade laboral en remoto. Así mesmo, a dispoñibilidade é outro dos aspectos a ter en conta e que precisa dun acordo ben delimitado entre as partes, incluíndo os tempos de descanso. O equipamento, tanto na parte da dotación como na parte de establecer un espazo de traballo no fogar, é outra das partes que cómpre abordar.

A fixación de obxectivos é de extraordinaria utilidade para esta modalidade, polo que tamén se afonda neste sentido con recomendacións de avaliacións co fin de revisar o cumprimento de tales metas. Por suposto, a conciliación é outra das perspectivas a incorporar, especialmente neste contexto que nos marca a emerxencia sanitaria da COVID-19, polo que se incide na necesaria flexibilidade para atender as posibles necesidades. E, finalmente, faise referencia á confidencialidade e á protección de datos, un aspecto que cómpre terse en conta tamén no traballo en remoto.

Tanto para o Colexio Oficial de Psicoloxía como a Confederación de Empresarios da Coruña, afondar nas recomendacións para o exercicio do teletraballo desde a óptica da psicoloxía é fundamental, xa que un 48,8% das persoas traballadoras en España adoptaron esta modalidade de traballo en remoto durante o Estado de Alarma desta primavera, segundo fixo público o Instituto Nacional de Estatística. Un cambio abrupto motivado pola pandemia, que forzou tamén o desenvolvemento normativo a través do Real Decreto-Lei 28/2020, de 22 de setembro, de traballo a distancia; pero que non conlevou o proceso de adaptación e negociación que sería desexable, polo que desde ambas as dúas institucións faise un chamamento a contemplar o aspecto psicolóxico dentro do ámbito de Prevención de Riscos Laborais das empresas.

Este documento elaborado desde a Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións do COPG, desenvolveuse ao abeiro do convenio que manteñen o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Confederación de Empresarios, asinado en 2019, coa intención de promover o emprendemento, o asesoramento técnico ao tecido empresarial e para a formación nos ámbitos de actuación de ambas as dúas entidades. 

Descarga a Guía  "Recomendacións desde a Psicoloxía para o teletraballo"