45 aniversario do COPG: I Foro “Autoritarismo e liberdade”

28/5/2025

Dentro das actividades do noso colexio profesional, prevalece a reivindicación do dereito á accesibilidade á atención psicolóxica e, dun xeito máis xeral, a defensa dos dereitos humanos como un factor imprescindible para a protección da saúde mental. Neste senso, e no marco do 45 aniversario da nosa institución, o COPG impulsa uns foros que sirvan de espazo de debate e reflexión sobre a actual deriva da nosa sociedade, que demos en nomear "Autoritarismo e Liberdade".

Participarán: 

- Xosé Hermida, xornalista, correspondente parlamentario de El País.  

- José Manuel Sabucedo, catedrático de Psicoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela, membro da Academia da Psicoloxía de España.

- María Xosé Agra Romero, catedrática de Filosofía Moral e Política da Universidade de Santiago de Compostela. 

 

Modera:

- Xabier Macías Virgós, psicólogo social e colexiado de honra do COPG.

Estes encontros van dirixidos ao público xeral e pretenden ofrecer unha reflexión sosegada e rigorosa, nos que a psicoloxía dialogue con outros ámbitos da sociedade desde a óptica dos valores democráticos, de convivencia, igualdade e liberdade. Unha acción que adquire unha especial relevancia no contexto actual, marcado polo auxe de ideoloxías reaccionarias de ultradereita, que cuestionan os principios fundamentais da democracia e promoven discursos de exclusión, intolerancia e restrición de dereitos.

O avance destas correntes ideolóxicas representa un reto significativo para a cohesión social e o benestar cidadán, polo que resulta imprescindible xerar espazos de reflexión e debate que permitan fortalecer o pensamento crítico e reafirmar os valores democráticos.

O primeiro destes foros terá lugar en Pontevedra este venres, 30 de maio ás 19h, no Salón Vermello do Pazo de Mugartegui. A entrada é libre ata completar aforo.

Organiza o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia coa colaboración do Concello de Pontevedra.