Galicia lidera en Europa o consumo de antidepresivos e ansiolíticos mentres presenta unhas grandes eivas no acceso á atención psicolóxica. O informe da auditoría do Consello de Contas sobre as actuacións do SERGAS no ámbito da saúde mental chamaba a atención sobre o crecemento no consumo de ansiolíticos e antidepresivos por parte dos menores de 19 anos, que incrementaran a súa prescrición nun 52% entre 2019 e 2023. Son máis de 11.000 nenos, nenas e adolescentes ata os 15 anos que consomen este tipo de tratamentos cada día en Galicia. Tamén poñía o foco en que empeoraran a súa saúde mental as persoas maiores, as mulleres e as persoas con rendas máis baixas, que accedían, sobre todo, a tratamento farmacolóxico, e non a psicoloxía. Por iso, a decana do COPG insistiu na necesidade de despregar unha atención universal a través da prestación de psicoloxía clínica nos centros de Atención Primaria. Tamén sinalou que é importante apostar pola prevención e a intervención temperá, para o que reclamou a incorporación de psicólogos e psicólogas nos centros educativos, xunto coa dotación de profesionais da psicoloxía nos equipos dos servizos sociais comunitarios dos concellos.
Segundo o informe do Consello de Contas, Galicia adoece dun verdadeiro sistema de saúde mental ben estruturado, senón que temos un modelo disperso, con accións illadas, pouco coordinado e sen avaliación de resultados. Isto é especialmente grave, sinalou Rosa Álvarez, porque falar de saúde mental é falar da vida das persoas, do seu benestar cotián, da súa dignidade.
Tamén fixo fincapé nas fendas que se profundizaron na pospandemia. A taxa de psicólogos e psicólogas clínicas por cada 100.000 habitantes que sería recomendable para dar unha atención mínima e suficiente nos dispositivos é de 12 especialistas. Hoxe, en Galicia, apenas supera os 5, quedando un 55% por debaixo dese mínimo. As consecuencias van en contra da saúde das persoas, como denunciou o COPG en relación coas listas de espera, que chegaba aos 12 meses en certas áreas sanitarias. Ademais, falta un enfoque comunitario, xa que o modelo asistencial en Galicia segue a estar moi centrado no hospital, no agudo, e moi pouco orientado á prevención, á rehabilitación e á integración social, segundo revela a propia auditoría do Consello de Contas.