Circular Nº 277

Circular Nº 277
Edita: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Autor: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 
5/2019
Editorial: 

As mortes silenciadas 

É o único horizonte que compartimos todos os seres humanos e, aínda así, cústanos mirar cara a el, evitámolo e ignorámolo. Pero a morte forma parte da propia vida e unha atención á morte implica unha mellor calidade de vida, aínda que poida resultar paradoxal nun inicio. En relación coa morte, a nosa sociedade mantén asuntos pendentes por omisión, por ser mortes indesexables, por relegalas ao privado e por colidir con esa idea de que a morte é unha condición natural que pecha un ciclo vital na vellez. 

Moito se ten debatido sobre a eutanasia nos últimos tempos, tras a exposición de varios casos mediáticos que saíron á luz para denunciar a falta de regulación desta cuestión que pretende por fin á vida propia ata onde lle resulte tolerable na súa existencia. A defensa irracional da vida que se fixo e se continúa a facer en certos ámbitos da nosa sociedade aséntase en bases xudeocristiás e ocasiona un gran sufrimento engadido a quen xa se atopa nunha situación de altísimo padecemento. 

É tempo de poñermos na axenda política de maneira seria, de xeito explícito e sen prexuízos morais nin relixiosos, a cuestión da eutanasia sobre a que hai un consenso, estímase, do 80% da cidadanía a favor da súa regulación. A vida é propia de cada individuo e a morte, como parte desa vida, ten que ter garantida a mesma dignidade que o resto das etapas vitais da persoa. Falamos de liberdades individuais, de dereitos que non obrigan a ninguén, senón que ofrecen unha posibilidade máis que a moral non pode impedir. 

Porque xa é sufrimento dabondo o de padecer unha enfermidade dexenerativa ou terminal, sen a angustia engadida de prever a condena a un sufrimento insoportable futuro no que non hai máis saída ao padecemento que a morte por circunstancias naturais, sen outra abordaxe sanitaria que a de ofrecer coidados paliativos (imprescindibles, por outra banda). O suicidio "preventivo", na clandestinidade e adiantado antes de que os efectos da patoloxía impidan levar a cabo esa morte desexada, ou requirir de cooperación para asistir ao suicidio, sabendo que ese ser querido se enfrontará a penas de cárcere ademais do impacto psicolóxico desa vivencia, son indicadores máis que suficientes da necesidade de despenalizar a eutanasia e de regulala con todas as garantías e cautelas que cumpran. 

Unha atención específica deberíamos prestala a outra morte ignorada que urxe ser atendida e que permanece invisible malia a súa frecuencia: a morte perinatal. Mentres se fan pretenciosos alegatos ao dereito á vida, óbviase que máis dun 25% dos embarazos culminarán nun aborto espontáneo ou en morte fetal, unha perda que implica un sufrimento grande para o que, inexplicablemente, non se conta con apoio psicolóxico nun transo así na rede pública. 

A perda dun bebé durante o embarazo, o parto ou ao pouco tempo de nacer é unha circunstancia vital que crea un sentimento de dor e de culpa que pode desencadear un dó complicado. En cambio, tanto polas experiencias próximas como polas que se coñecen nos medios de comunicación a modo de denuncia, o que se traslada é un sistema sanitario inhumano, con prácticas cruentas como compartir o cuarto na hospitalización tras un parto dun feto morto, por exemplo, con quen acaba de dar a luz o seu bebé. 

Unha atención psicolóxica á morte, como parte da vida, é fundamental, e a súa garantía na rede pública situaríanos como unha sociedade xusta e avanzada. Son dous exemplos que urxen ser atendidos, porque ambos os dous casos seguen marcados polo estigma social e polo tabú, o que engade sufrimento a quen sofre, un padecemento innecesario a quen xa está a vivir unha dor intensa.