Recomendacións do Consejo General de la Psicología para o exercicio profesional da psicoloxía nos CRC ante a situación creada polo COVID-19

sábado, Marzo 28, 2020 - 22:30

O Consejo General de la Psicología elaborou en días pasados un documento no que se recollen recomendacións para o exercicio profesional da psicoloxía ante a situación creada polo COVID-19.

Unha das recomendación fai mención ao peche dos Centros de Recoñecemento de Condutores (CRC). Segundo informe da asesoría xurídica do Consejo General de la Psicología, en relación co punto 7 b) do  Real Decreto 463/2020, 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, os centros ou consultas destinadas á psicoloxía sanitaria ou clínica, poderán permanecer abertos e se así o desexan os seus titulares, continuar prestando servizos á súa clientela.

Unha excepción a esta información que aquí se indica é a publicada pola Orde SND/232/2020, de 15 de marzo, pola que se adoptan medidas en materia de recursos humanos e medios para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e na que se matiza, con respecto á apertura ao público de establecementos médicos, que se entenden por establecementos médicos aqueles nos que se require a prestación, por parte de profesionais sanitarios, da asistencia necesaria para resolver problemas de saúde que poidan ter unha evolución desfavorable se se demora o seu tratamento. Especificamente, os Centros de Recoñecemento de Condutores (CRC) non entrarían nesta definición, polo que deberán permanecer pechados. Cabe sinalar que o incumprimento desta norma pode supoñer sancións de enorme contía.

Podes acceder ao documento completo de recomendacións no seguinte enlace [accede ao documento]