O Colexio de Psicoloxía apela a reforzar a concienciación para reducir a sinistralidade viaria

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) lembra que a concienciación é un elemento crucial para abordar a loita contra os accidentes de tráfico e sinala que a psicoloxía é o ámbito profesional idóneo para a promoción dos cambios de conduta, co que é un aliado imprescindible para erradicar hábitos letais ao volante, como o consumo de alcohol ou drogas, o exceso de velocidade ou o uso do teléfono móbil.

Rematou 2017 con dúas novas ben distintas: por unha banda, a nivel estatal foi o peor ano en vítimas mortais nas estradas no último lustro, con 1200 persoas falecidas; pola outra, Galicia pechaba o ano coa cifra máis baixa desde que se teñen rexistros de mortos en accidentes de tráfico, un descenso do 29% con respecto ao ano anterior (77 persoas falecidas). É un dato optimista o da nosa Comunidade, e neste sentido, cómpre destacar que se está a realizar un importante traballo de concienciación, que é un factor de protección crucial nas estradas.