Mañá venres 20 e o sábado 21 de setembro, unha vintena de psicólogas e psicólogos participarán no curso “Mellorando os resultados en psicoterapia: principios terapéuticos baseados na evidencia”, organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e que terá lugar na súa sede en Santiago de Compostela.
Durante o curso haberá unha actualización de coñecementos respecto aos factores claves que melloran os resultados en psicoterapia. Desta maneira concrétase o que se coñece como pericia clínica e facilita vías de adestramento para mellorar todas aquelas actividades que se consideran chave para ser un bo ou unha boa profesional da psicoterapia.
Por outro lado, afonda na idea da monitorización dos resultados terapéuticos, enfatizando na importancia e na repercusión que ten sobre os resultados, que a persoa usuaria comente en cada sesión como está sendo o desenvolvemento da terapia e a relación de traballo que ten co psicoterapeuta.
Para tratar estes contidos, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia convida a Alberto Gimeno Peón a expor os seus coñecementos e o seu traballo nesta temática nos últimos anos na Comunidade autónoma de Asturias. Neste tempo, ten participado como docente en múltiples institucións e colaborou en revistas nacionais e internacionais disertando sobre prácticas psicoterapéuticas baseadas na evidencia. Ademais, Alberto Gimeno é moi activo en redes sociais e ten un blog, El Lecho de Procusto (http://albertogimeno.blogspot.com), de referencia a nivel profesional, no que comenta sobre este e outros temas.