A análise do comportamento na investigación policial centra un obradoiro do Colexio de Psicoloxía

A análise do comportamento na investigación policial e a elaboración de perfís criminais é o obxecto do obradoiro que mañá sábado 13 de abril terá lugar na sede compostelá do Colexio de Psicoloxía de Galicia. 

Ao longo de toda a xornada e cun enfoque tanto teórico como de práctica aplicada, prevese tratar contidos novidosos como o perfilado indutivo, dedutivo e indirecto sobre todo partindo do modelo PEN de Eysenk. Tamén se tratará a aplicación destes contidos á investigación criminal na que se realizará unha análise de casos reais e recentes e unha análise da práctica da perfilación criminal levada a cabo en casos moi mediáticos. 

O obradoiro estará impartido por José Manuel Quintana Touza, licenciado en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, doutor en Psicoloxía pola UNED e diplomado en Criminoloxía pola USC, ademais de estudos de posgraduado neste ámbito. É experto en Psicodiagnóstico e todo un referente na perfilación criminal e na análise de conduta. Actualmente, é capitán da Garda Civil, desde 2008 está destinado na Sección de Análise do Comportamento Delituoso (SACD) da Unidade Técnica da Policía Xudicial da Garda Civil. 

Este obradoiro enmárcase dentro da acción formativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia seguindo o Plan de Formación que a Sección de Psicoloxía Xurídica deseñou para o ano 2019 e trata de responder as demandas tanto dos membros da sección como dos diferentes  profesionais que realizan a súa tarefa profesional no eido dos xulgados na realización periciais, así como na colaboración coas forzas de seguridade do Estado, tanto na formación como na investigación criminal.