Corenta psicólogos/as fórmanse para previr e intervir en casos de violencia de fillos/as cara aos pais e nais

Corenta psicólogos e psicólogas participarán hoxe mércores 3 de abril na xornada sobre violencia filioparental (exercida por fillos ou fillas cara ao seu pai ou á súa nai) que organiza o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ás 17 horas na súa sede en Santiago de Compostela. Nela presentaranse estratexias de prevención e de intervención ante este tipo de violencia que lles permitirá afrontar unha problemática crecente nos últimos anos.

Aroa González Álvarez e Raquel Gallego González, psicólogas e mediadoras familiares, presentarán o proxecto "Conviviendo" que están a desenvolver na fundación Amigó, en Vigo, un servizo gratuíto de resolución positiva dos conflitos entre adolescentes e as súas familias. A través dunha proposta socioeducativa e terapéutiva preténdese ofrecer unha resposta especializada a familias en situación de conflito e de risco de exclusión social. Son conflitos que poden estar provocados por diferenzas xeracionais, falta de comunicación, desestruturación ou desaxuste dos roles parentais, comportamentos desadaptados dos/as adolescentes ou calquera circunstancia que provoque que esta convivencia sexa fonte de desaxustes persoais e relacionais.

A través da xornada preténdese crear un clima de reflexión e de intercambio de experiencias neste ámbito entre os psicólogos e psicólogas asistentes, máis aínda se temos en conta que as características da violencia filioparental así como o xeito no que se expresa e evoluciona, están a mudar nos últimos anos.