O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ofrece mañá sábado 27 de novembro unha sesión formativa sobre a resistencia ao cansazo e a fatiga, así como a flexibilidade cognitiva, no contexto do tráfico e da seguridade. Deste xeito, preténdese proporcionar aos psicólogos e psicólogas os coñecementos sobre estes aspectos que se deben contemplar nas avaliacións que se realizan nos centros de recoñecemento de condutores (CRC), para unha maior seguridade nas estradas.
Será en formato presencial, na sede co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia en Santiago de Compostela, entre as 9 e as 13:30 horas, se ben tamén se oferta de modo telemático pola limitación dos aforos. A docencia será impartida por José León Carrión, catedrático e profesor de Neuropsicoloxía na Universidade de Sevilla, que conta cun gran recoñecemento internacional polo seu traballo na neurorehabilitación, neuropsicoloxía e na avaliación e rehabilitación do dano cerebral.
Estudos de seguridade viaria sobre persoas maiores, con trastornos neurolóxicos ou psiquiátricos, ou mesmo en condutores baixo os efectos das drogas, revelan que o estado cognitivo é un factor clave na condución. O feito de contar con este tipo de coñecementos por parte dos psicólogos é psicólogas permite unha maior preditibilidade das habilidades de condución nas avaliacións que se realizan nos CRC.
Desde o COPG consideramos esencial actualizar as competencias dos e das profesionais que avalían a poboación condutora nos centros de recoñecemento para poder identificar de forma máis axustada e precisa, o cal redunda nunha maior seguridade viaria.