O Colexio de Psicoloxía de Galicia iniciou máis de 30 actuacións por intrusismo en 2017

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia iniciou un total de 31 expedientes por posible intrusismo profesional en 2017, a través da súa Comisión para a Defensa da Profesión e para a Prevención do Intrusismo. 

As actuacións abertas recollen diversas casuísticas, entre elas as de exercer funcións propias da psicoloxía sen contar coa titulación, por publicidade enganosa, por estar a exercer sen a colexiación obrigatoria ou por anunciarse como especialista en psicoloxía clínica sen contar con esta especialidade.

O Colexio ten a función de velar por que á cidadanía se lles ofrezan servizos de psicoloxía que garantan e cumpran coa calidade e as obrigas legais establecidas, xa que no seu exercicio como profesionais, está en cuestión o benestar, a saúde, a calidade de vida, a plenitude do desenvolvemento das persoas e dos grupos, nos distintos ámbitos da vida individual e social. Así pois, a colexiación é unha garantía pública de que o psicólogo ou psicóloga cumpre tanto coa titulación e cos requisitos legais para exercer, sexa cal sexa a especialidade ou área de traballo.