O Colexio de Psicoloxía de Galicia organizan un obradoiro sobre intelixencia emocional no ensino

Mañá xoves 31 de maio, a sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza un obradoiro sobre o desenvolvemento da intelixencia emocional no contexto educativo, que terá lugar na sede colexial en Santiago de Compostela entre as 17:00 e as 19:00 horas.

A intelixencia emocional é un constructo moi versátil e interesante á hora de traballar tanto no propio crecemento persoal como na mellora no ámbito psicolóxico, sendo especialmente importante tanto na educación como na orientación educativa, xa que o desenvolvemento das habilidades emocionais durante a idade escolar é un factor decisivo para favorecer maiores niveis de benestar persoal, mellor rendemento académico e un funcionamento social máis positivo na aula e fóra dela.

O obradoiro será impartido polo psicólogo Daniel Novoa Vidal, terapeuta no gabinete Ítaca de Vigo e que conta co seu propio programa de Educación Emocional para educación infantil e primaria. Tamén dirixe a www.escuelaparaeducadores.com onde imparte formación tanto para o profesorado como a monitores de comedor e estudantes de Maxisterio.

As persoas asistentes terán a oportunidade de obter unha visión xeral do que é a intelixencia emocional enmarcada na educación emocional e experimentar os contidos con dinámicas especialmente deseñadas e seleccionadas para unha correcta e divertida asimilación.