O Colexio de Psicoloxía esixe o acceso a tratamentos psicolóxicos sen derivación previa desde servizos de psiquiatría

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia expresa a súa preocupación e alarma ante os feitos expostos ante a opinión pública pola Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, segundo os cales as persoas usuarias non poderán acceder a consultas de psicoloxía clínica sen pasar previamente por psiquiatría. Para esta corporación de dereito público que representa a case 3.000 psicólogos e psicólogas en Galicia, resulta inaceptable que desde o Servizo de Psiquiatría deste hospital se estean a tomar decisións que vulneran o dereito dos/as pacientes a acceder a tratamentos psicolóxicos dos que poderían beneficiarse e esixe a retirada deste criterio.