O catedrático e investigador Ángel Carracedo recibirá mañá venres 7 de xuño o máis significativo galardón que concede o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, o premio Dolores Llópiz: Psicoloxía e Sociedade. O acto, que se celebrará no Centro Abanca en Santiago de Compostela (Praza de Cervantes) ás 19 horas, será no marco do encontro Achegas da Psicoloxía, onde se congregan os colexiados e colexiadas desde hai xa once anos.
O Premio Dolores Llópiz é o máximo galardón que entrega o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e que pretende distinguir á persoa, institución ou asociación que teña contribuído ao desenvolvemento da profesión. Nesta ocasión, a Xunta de Goberno do Colexio acordou outorgarllo á Ángel Carracedo Álvarez, polo seu papel como investigador e divulgador científico, polas súas contribucións no ámbito da neuropsicoloxía, o que o sitúa como un referente internacional. Este Catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela é tamén director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e conta con numerosas publicacións de carácter científico e divulgativo.
Con este recoñecemento, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia quere significar o labor que vén desenvolvendo no ámbito da neuropsicoloxía, nomeadamente a través da Fundación INGADA, que preside, onde numerosos profesionais da psicoloxía integran o equipo multidisciplinar que lidera.
Esa excepcional carreira investigadora que o sitúa como un referente internacional cobra maior relevancia ao compaxinala co compromiso pola divulgación dos seus coñecementos e pola súa aproximación humanizada á ciencia e significativa vocación de servizo á comunidade.
Ademais da entrega do galardón, no acto Achegas da Psicoloxía vaise efectuar un recoñecemento a aqueles e aquelas profesionais que levan 25 anos de vida colexial. O encontro Achegas da Psicoloxía celebrarase ás 19:00 horas no Centro Abanca en Santiago de Compostela.
Colexiado de Honra
No Achegas da Psicoloxía 2019, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia entregará tamén a distinción especial Colexiado de Honra ao psicólogo Miguel Pérez Pereira. Con esta significación pretende recoñecerse a extraordinaria entrega persoal dos seus colexiados e colexiadas tanto á institución como ao desenvolvemento da profesión da Psicoloxía en Galicia.
A historia do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia está marcada indiscutiblemente por Miguel Pérez Pereira, que foi un dos nomes esenciais no nacemento do noso Colexio, do que foi o primeiro presidente entre 1980 e 1987, deixando no colexio un dos meirandes legados institucionais.
Todo isto unido ao gran labor que exerce desde o ámbito académico, xa que é Catedrático de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, o que facilitou unha excepcional cooperación entre a universidade e o colexio profesional. Foi investigador principal en varios proxectos sobre a adquisición da linguaxe, con especial referencia á adquisición da linguaxe en nenos/as con cegueira e tamén en prematuros. Conta con diversas publicacións tanto de libros, capítulos e artigos sobre estas e outras temáticas.