O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia mantivo unha reunión hoxe con representantes de partidos políticos autonómicos, así como dos principais sindicatos galegos, coa intención de trasladarlles a importancia de que o Pacto de Estado pola Educación que se está a elaborar recolla a figura do psicólogo ou psicóloga educativa en todos os centros de ensino, como un aspecto esencial para abordar múltiples problemáticas como o fracaso escolar ou o bullying.
Nesta xuntanza participaron por parte do COPG a decana, Mª Rosa Álvarez Prada, xunto co vicedecano e vogal da División de Psicoloxía Educativa do Consejo General de la Psicología (que agrupa a todos os colexios profesionais do ámbito a nivel estatal), Hipólito Puente Carracedo; así como a vicepresidenta da Sección de Psicoloxía Educativa, Ana María Ulloa Lage. Foron convocados os partidos con representación no Parlamento galego, asistindo polo Partido Popular César Fernández Gil; Luca Chao por En Marea e Olalla Rodil polo Bloque Nacionalista Galego. Por parte dos sindicatos, acudiron desde Comsións Obreiras Luz López Pérez, secretaria xeral da Federación de Ensino, e Verísimo Pazos Pereira, responsable de FP e ensinanzas de Réxime Especial e Redes Sociais da mesma federación; por UXT Paula Rodríguez Noya, da Federación de Empregadas e Empregados dos Servizos Públicos, mentres que a CIG estivo representada por Diego Boquete, secretario de Acción Sindical da CIG-Ensino.