O estrés reúne a partir de mañá a máis dun centenar de profesionais da psicoloxía e da saúde

Mañá xoves 16 de novembro comeza a vixésimo segunda edición das Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde que reunirán a máis dun centenar de profesionais e que nesta ocasión se centran no estrés e o impacto nel do factor comunitario. Por primeira vez, celebrarase este importante encontro profesional de carácter autonómico no concello coruñés de Betanzos, no edificio Liceo, e que durante os tres días que duran acollerá a máis dun cento de psicólogos e psicólogas do ámbito da saúde.

"Mal de moitos, tarefa de todos. Unha ollada ao estrés desde o comunitario" é o suxestivo título desta edición, que pretende convidar á reflexión sobre como afecta á saúde das persoas o modelo de organización comunitario actual e ao mesmo tempo, dar voz a colectivos de persoas usuarias e traballadoras de diferentes contextos. Estas Xornadas contan co apoio do Concello de Betanzos e da Asociación de Comerciantes deste municipio coruñés. Carlos José Losada López, especialista en psicoloxía clínica é presidente o comité científico, mentres que a psicóloga clínica Lidia Sánchez Edreira é a presidenta do comité organizador.