O impacto psicolóxico da pandemia nas persoas maiores protagoniza mañá a primeira xornada de "Tempo da Psicoloxía"

Mañá luns 22 comeza a terceira edición de Tempo da Psicoloxía, que terá como tema protagonista o impacto da pandemia da COVID-19 entre as persoas maiores a nivel psicolóxico. Comezará ás 19:30 horas a través da plataforma ZOOM, baixo o título "Máis alá da resiliencia, o avellentamento asediado pola COVID", dentro do ciclo Tempo da Psicoloxía “Unha ollada sobre a pandemia”, organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela

No coloquio deste luns participarán David Facal Mayo, coordinador do Máster en Psicoxerontoloxía e psicólogo na Unidade de Psicoxerontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela; Encarna Otero Cepeda, historiadora, profesora e escritora; e Carlos Dosil Díaz, vogal da Xunta Directiva da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría. Esta mesa estará moderada pola xornalista Susana Rois. O amplo e diverso colectivo das persoas maiores, que supera o 25% da poboación galega, converteuse no que recibiu as consecuencias máis letais desta pandemia, pero a súa incidencia vai máis alá, conducíndonos a reflexionar sobre o noso propio modelo de sociedade e a atención a necesidades tan determinantes como a dependencia ou a soidade.

O acceso é libre e gratuíto ata completar as 500 prazas dispoñibles, e farase a través da plataforma ZOOM mediante o enlace directo de acceso ou cos datos ID de seminario web 947 6611 6735.

Ao longo destes días, ofreceranse tres palestras sobre a pandemia do coronavirus e o impacto psicolóxico en tres ámbitos: as persoas maiores, a saúde mental e a infancia e mocidade. A extraordinaria emerxencia sanitaria que estamos vivindo e as súas consecuencias está ocasionando un impacto no plano psicolóxico de inéditas dimensións. Afecta en distintos niveis e intensidade, sen que escape ningunha franxa de idade, tanto pola repercusión da enfermidade (falecementos, hospitalizacións, illamentos, corentenas...), como tamén polas consecuencias (distanciamento social, soidade, perdas económicas, medo ao contaxio, dificultade para os coidados e a conciliación, incerteza etc.). Por iso, ambas as institucións promotoras do encontro consideraron que esta edición debía centrarse na pandemia e analizar algúns dos seus considerables efectos no plano psicolóxico.

Tempo da Psicoloxía é unha actividade divulgativa deste ámbito científico e profesional na sociedade, que aborda unha temática concreta en cada edición desde o prisma da psicoloxía, pero en interacción con outros axentes sociais.  

O martes 23 de febreiro ás 19:30h ofrecerase unha palestra na que se tratará de reflexionar sobre os efectos na saúde mental, que xa se atopaba nunha situación precaria e que se viu agravada pola emerxencia sanitaria, baixo o título "Das ondas ao mar de fondo: A pegada psicolóxica do coronavirus". Participará Yolanda Castro Casanova, presidenta da Asociación Psicólogos Clínicos do Sergas; Susana Aldecoa Landesa, presidenta da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria; e Julio Torrado Quintela, doutor en Psicoloxía Social e deputado no Parlamento de Galicia. Esta conversa estará moderada polo xornalista David Lombao.

A última das actividades de acceso libre será o mércores 24 ás 19:30h, será a oportunidade de revisar como está afectando esta situación á xente moza e á infancia, no coloquio “A ‘xeración covid’: medrar en tempos de pandemia”. A xornalista Ana G. Liste ocuparase de dirixir esta conversa, na que participarán Valentín Escudero Carranza, profesor de Psicoloxía na Universidade da Coruña; Ricardo Fandiño Pascual, psicólogo clínico e presidente de ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia); e Tamara Fernández Cores, alumna do Máster en Psicoloxía, especialidade en Psicoloxía da Intervención Social e Comunitaria, da Universidade de Santiago de Compostela.