Profesionais da psicoloxía afondan no trauma en contextos de catástrofes e emerxencias

Hoxe venres 26 de outubro en sesión de tarde e mañá sábado 27 de outubro ao longo de todo o día, cincuenta psicólogos e psicólogas completarán a súa formación sobre as perspectivas actuais no trauma, dentro do contexto de emerxencias e catástrofes nun curso que se desenvolverá na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.  

O curso ten como obxectivo facilitar a adquisición de coñecementos e ferramentas para  identificar mellor as respostas comúns ante situacións de crise e trauma, tratando de  familiarizar as persoas asistentes cos diferentes tipos de intervención dentro do ámbito das emerxencias e catástrofes. O curso, que celebra a súa segunda edición, despois da celebrada no pasado mes de maio, xurde como unha necesidade formativa  proposta polo Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, contando co recoñecemento sanitario da Consellería de Sanidade.

Nesta formación analizaranse as novas conceptualizacións sobre trauma, as reaccións individuais máis comúns ante este tipo de eventos que poden experimentar as persoas afectadas por unha traxedia, así como o tipo de trastornos psicolóxicos que poden ir asociados a situacións de crise, e os distintos tipos de intervención que se poden levar a cabo nestes casos.

A docente responsable será a psicóloga clínica e investigadora Dolores Mosquera Barral, figura de amplo recoñecemento nacional e internacional no eido dos traumas complexos e trastornos da personalidade, sendo tamén unha recoñecida especialista en terapias de nova xeración como terapia sensoriomotora, mindfulness ou de aceptación e compromiso, entre outras. No ano 2017 recibiu o premio David Servan-Schreiber pola súa contribución no eido da terapia EMDR. Esta psicóloga forma parte da rede de terapeutas dos Programas de Atención Psicolóxica a Vítimas de Violencia de Xénero conveniado entre o COPG e a Xunta de Galicia, así como coa Rede Nacional de Atención a Vítimas do Terrorismo. É directora do centro clínico Intra TP na Coruña e Santiago de Compostela sobre o tratamento e estudo do trauma.