Profesionais Galegos da Atención Psicolóxica ás Persoas Maiores celebran o "Día do maior"

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) homenaxea o “Día do maior”, que se celebra o 1 de Outubro de cada ano, organizando a 2ª Xuntanza de especialistas en Psicoloxía do Envellecemento o próximo día 30 de Setembro, baixo o lema “Facendo camiño en psicoxerontoloxía: consensos básicos sobre avaliación”.

O acto, que se iniciará ás 10.00 horas no salón de actos do COPG, pretende dar continuidade á primeira das xuntanzas celebrada en xuño do presente ano, e nas que se pretende discutir e consensuar procedementos de avaliación e intervención psicolóxica nos servizos de atención a persoas maiores. Os  obxectivos principais destes encontros son basicamente dous. Por unha banda,  crear un espazo para que os psicólogos e psicólogas que traballan neste ámbito compartan experiencias e dificultades na práctica diaria e, por outra, crear unha rede profesional de apoio que permita detectar necesidades, propoñer solucións e analizar a súa eficacia.