A loita contra o intrusismo, a empregabilidade e a consolidación da profesión son
os principais compromisos para a actual lexislatura
Renovada a Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
- Mª Rosa Álvarez Prada encabeza de novo como decana a Xunta de Goberno do COPG, que se renovou nunha terceira parte.
- O 5 de xuño tomou posesión o actual equipo, que pretende que o Colexio de Psicoloxía sexa o "verdadeiro motor de transformación para a dignificación, a identidade e o prestixio da profesión fronte a amezas como as pseudociencias ou o intrusismo".
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2018 - Esta semana tomaron posesión dos seus cargos a nova Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, un equipo de trece psicólogas e psicólogos encabezados pola decana, Mª Rosa Álvarez Prada, que recunca no posto directivo coa intención de dar continuidade ao proxecto iniciado na lexislatura previa.
"A consolidación da psicoloxía na sociedade, a empregabilidade e a loita contra o intrusismo, así como a defensa da psicoloxía como profesión imprescindible no sistema público, serán as áreas prioritarias do noso equipo", explicou a decana. Incorpóranse á Xunta de Goberno catro novas psicólogas, coas que se procurou buscar unha renovación e impulso para a dirección da corporación que agrupa a máis de 3.000 profesionais da psicoloxía en toda Galicia.
Para Mª Rosa Álvarez, "é tempo de que os psicólogos e psicólogas ocupemos o lugar que nos corresponde na sociedade, e que se nos demanda, e o Colexio debe ser o verdadeiro motor de transformación para a dignificación, a identidade e o prestixio da profesión fronte a ameazas externas, como as pseudociencias, o intrusismo ou a precariedade", asegurou a través dun comunicado difundido a todos os colexiados e colexiadas.
A formación e o desenvolvemento profesional, así como o rigor e a deontoloxía na práctica da psicoloxía, serán dous dos alicerces desta Xunta de Goberno. Así mesmo, traballarase perseguindo o intrusismo profesional, xa que é unha das preocupacións maiores ás que se enfronta este colectivo, con novas figuras que carecen da fundamentación científica e do rigor profesional esixido á psicoloxía, poñendo en risco a saúde e o benestar das persoas.
A visibilización da profesión e a súa difusión entre a sociedade dos distintos ámbitos de exercicio da psicoloxía, a colaboración coa universidade e a transformación dixital do Colexio son tres dos retos que se expoñen por diante deste colectivo.
Imaxe da nova Xunta de Goberno.
De esquerda a dereita, na fila superior:
Víctor Manuel Torrado Oubiña, Fátima López Rodríguez, Eva Muíño Gómez, Hipólito Puente Carracedo, Mª Rosa Álvarez Prada, Miguel Ángel Chouza Ponte, Marina Ortega Otero, José Manuel Oreiro Blanco.
Na fila inferior: Carmen González Pais, Ana Isabel Martínez Arranz, Socorro Rodríguez Holguín, Mª Concepción Rodríguez Pérez e Sandra Fernández Rodríguez.