Este venres 24 e o sábado 25 de novembro, máis de 300 profesionais da loita contra a violencia machista daranse cita nas IX Xornadas da Psicoloxía contra a Violencia de Xénero en Santiago de Compostela, no Auditorio Abanca. Este encontro, que chega por primeira vez a Galicia, está promovido polo Consejo General de la Psicología, que agrupa a todos os colexios profesionais deste eido no Estado, e está organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
Esta edición leva por título "Abrindo o foco. A violencia de xénero, un problema con rostros" e pretende facer fincapé en que a problemática da violencia machista vai máis alá da muller que a sofre, xa que as súas repercusións son evidentes sobre a súa contorna (fillos e fillas, outros familiares, amizades, etc.). O impacto na contorna directa da muller é innegable, aínda que adoitan considerarse como un "dano colateral"; a proposta é redefinir a loita contra a violencia de xénero e a protección como un concepto moito máis amplo e non centrado exclusivamente na muller como vítima.