Desde o Grupo de Tráfico e da Seguridade do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), queremos sumarnos como organización profesional, ás celebracións da Semana Europea da Mobilidade, adheríndonos ó seu lema “Compartir lévate máis lonxe” e tratando de poñelo en práctica implicando a todos os compañeiros profesionais da psicoloxía que teñen contacto cos condutores e condutoras galegas a través dos Centros de Recoñecemento, así como, durante o desenvolvemento doutras actividades tanto formativas como rehabilitadoras de condutores infractores en todo o ámbito da CC.AA de Galicia.
Durante o noso quefacer profesional atendemos e valoramos a máis de 35.000 condutores e condutoras anualmente nos preto de 200 centros. Tamén participamos na totalidade dos cursos de recuperación total con cerca de 800 asistentes por ano. Ademais o Grupo de Tráfico e da Seguridade leva intervindo con máis de 1000 persoas condutoras infractoras coas que se intenta conseguir cambios nas actitudes o que posibilitaría compartir dun xeito máis cívico.