A violencia de xénero, no deporte, nos centros educativos e na familia protagonizan a primeira edición de "Tempo da Psicoloxía"

Esta mañá presentouse a primeira edición de Tempo da Psicoloxía, un evento que nace con vocación de continuidade no tempo e que é promovido polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Entre os días 18 e 21 de febreiro, a violencia será obxecto de reflexión, a través de diversas actividades que conforman o programa de 2019.

Á presentación, que contou coa presenza de María Rosa Álvarez Prada e María Lourdes Mirón Redondo, decanas do COPG e da Facultade respectivamente, acudiu tamén a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, xa que conta coa colaboración desta institución.

"Tempo da Psicoloxía" pretende ser unha actividade divulgativa da psicoloxía na sociedade, que terá unha temática concreta como protagonista en cada edición anual, e no que a perspectiva de xénero e os valores de igualdade constitúen un elemento transversal en todas as actividades.