A violencia no deporte abre mañá a primeira edición de "Tempo da Psicoloxía"

Mañá luns, 18 de febreiro, dá comezo a primeira edición de "Tempo da Psicoloxía", un encontro que nesta ocasión xirará arredor da violencia en diversas actividades que se estenderán ata o xoves 21. O deporte será o primeiro dos contextos, desta actividade promovida polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e que comezará ás 18:30 horas no Auditorio ABANCA da cidade compostelá.

Verónica Boquete, futbolista profesional e referente do deporte galego a nivel internacional, será unha das participantes neste faladoiro, no que tamén intervirán David González Vázquez, adestrador de fútbol; María Dolores González Fernández, psicóloga do deporte, así como Francisco Javier González García, Xefe do Servizo de Deporte en Idade Escolar da Xunta de Galicia. Lorena Pose, xornalista da Televisión de Galicia e presentadora de Deportes do Telexornal, será a responsable de moderar esta conversa, onde se pretenden reunir a diferentes representantes do mundo do deporte e achegar unha visión construtiva para abordar a problemática da violencia neste ámbito.

Esta conversa, ao igual que as dos dous días seguintes que se centrarán na violencia nos centros educativos e no ámbito da familia, respectivamente, son de acceso libre e gratuíto e van dirixidas ao público xeral. "Tempo da Psicoloxía" pretende ser unha actividade divulgativa da psicoloxía na sociedade, que terá unha temática concreta como protagonista en cada edición anual, e no que a perspectiva de xénero e os valores de igualdade constitúen un elemento transversal en todas as actividades.