O 28 de outubro tivo lugar na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) o 5º Encontro das Policías Locais de Galicia organizado pola Asociación de Xefes de Corpo e Mandos de Policía Local de Galicia (AXEMPOL). Desde esta asociación convidaron ao GIPCE a participar na mesa de presentación da Guía de Boas prácticas para a Atención Inmediata ás Vítimas en Sinistros Viais elaborada polo Ministerio Fiscal de Seguridade Vial.
Nesta ocasión asistiu o membro do grupo de intervención Diego Antelo Guerra coa exposición Guía de boas prácticas. Intervención psicolóxica avanzada en accidentes de tráfico. Modelo de traballo no GIPCE na que presentou o traballo que realiza o GIPCE nas intervencións derivadas de accidentes de tráfico.
Para finalizar este encontro realizouse nas instalacións da AGASP un simulacro de accidente de tráfico no que participaron distintos colectivos de emerxencias implicados na atención dunha situación destas características.




