A violencia no ámbito da familia pecha o ciclo das conversas da primeira edición de "Tempo da Psicoloxía"

Mañá mércores, 20 de febreiro, continúa a primeira edición de "Tempo da Psicoloxía", un encontro que nesta ocasión xirará arredor da violencia en diversas actividades que se estenderán ata o xoves 21. Nesta terceira xornada e a última aberta ao público xeral, a violencia no ámbito da familia será o contexto que se debaterá nesta actividade promovida polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e que comezará ás 18:30 horas no Auditorio ABANCA da cidade compostelá.

Esta palestra que estará moderada pola xornalista Antía Díaz, de Radio Voz. Mónica Permuy, directora da Fundación Meniños, José Manuel Oreiro Blanco, psicólogo da Oficina de Atención á Vítima da Coruña, Mª Paz Filgueira Paz, xuíza titular do Xulgado de Familia nº 12 de Vigo, e Concepción Fernández Fernández, concelleira de Políticas Sociais do Concello de Santiago de Compostela, contribuirán coa súa experiencia para abordar este contexto.

Esta conversa é de acceso libre e gratuíto e vai dirixida ao público xeral. "Tempo da Psicoloxía" pretende ser unha actividade divulgativa da psicoloxía na sociedade, que terá unha temática concreta como protagonista en cada edición anual, e no que a perspectiva de xénero e os valores de igualdade constitúen un elemento transversal en todas as actividades.