O GIPCE foi invitado a participar na IV Xornada Saudepol organizada polo Sindicato Unificado de Policía (SUP) co apoio da Asociación Unificada de Gardas Civiles e Vive CNP, que este ano se celebrou na Comisaría da Policía Nacional de Lugo o 30 de abril. Esta xornada, que se realizou en modalidade presencial e en liña para 140 asistentes, estivo centrada na sensibilización dos axentes sobre a importancia da saúde física e mental.
Representando ao GIPCE asistiu Mª Carmen González Hermo -integrante do grupo de intervención GI-112, da Comisión Coordinadora, do grupo de xefas de garda e do Grupo de Apoio a Intervenientes (GAI)- quen impartiu unha conferencia sobre a importancia dos Primeiros Auxilios Psicolóxicos ás vítimas dunha situación de emerxencia dende os primeiros momentos.