O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia condena a violación dos dereitos humanos no conflito bélico en Palestina
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia expresa, unha vez máis, a través deste comunicado a súa condena da guerra, a violencia política, o terrorismo e, en definitiva, da violación sistemática dos dereitos humanos, que se está a producir na Franxa de Gaza e nos territorios palestinos, como consecuencia do conflito bélico entre Israel e Palestina.
Demandamos:
- Alto o fogo inmediato.
- Entrada de axuda humanitaria en Gaza.
- Protección do persoal e infraestruturas sanitarias.
- Cumprimento das resolucións internacionais en defensa dos dereitos do pobo palestino.
Desde esta corporación de dereito público que representa a máis de 4.000 psicólogos e psicólogas en Galicia, ínstase á comunidade internacional para que poña os medios precisos para parar a masacre indiscriminada da poboación civil palestina e apela a que se respecten os dereitos humanos, procurando unha vía de negociación e de acordos de paz que permitan a convivencia entre o pobo israelí e o pobo palestino.
A Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, unha vez máis, acordou realizar esta declaración na liña de protección dos dereitos humanos que esixe o COPG, e que forma parte dos mesmos principios da profesión, tal e como se recollen no Código Ético e Deontolóxico do Psicólogo e da Psicóloga.