Actividades do COPG con motivo do 25N

24/11/2016

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organizamos e participamos en diversas actividades co gallo do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora este 25 de novembro.

Estamos a participar na campaña Compostela en Negro, que organiza o Concello de Santiago de Compostela, así que ata o día 30 de novembro a cristaleira da nosa sede mostrará as mensaxes que visibilizan o impacto da violencia contra a muller.

Así mesmo, asinamos un convenio de colaboración coa FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) en cuestións de igualdade e loita contra a violencia de xénero. A primeira acción dese convenio foi a elaboración do cartaz "Concellos #PoloBoTrato", que contén un decálogo cunha serie de recomendacións para promover o bo trato no plano local, e que se distribuiu a todos os municipios e deputacións da nosa Comunidade autónoma.

Ademais, ata final de ano pódese visitar a exposición "Pola Igualdade" cos carteis dos mozos e mozas participantes neste concurso que organizou a Comisión Intersectorial de Xénero. Os premios foron entregados o 16 de novembro, nun encontro no que a consultora Promove explicou a súa experiencia impartindo obradoiros para a prevención da violencia machista en varios institutos composteláns.