O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia celebra o 30º aniversario do GIPCE cunha exposición fotográfica

21/1/2026

O que hoxe coñecemos como GIPCE (Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias) do COPG tivo a súa orixe nun momento de incerteza social. No ano 1996, unha serie de movementos sísmicos na zona de Triacastela sementaron o temor entre a poboación. Ante aquela necesidade, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) creou o Grupo de Traballo sobre Protección Civil, a semente dun servizo que hoxe é un piar fundamental na asistencia de crises en Galicia.

Nestes 30 anos de traxectoria, o grupo realizou máis de 400 intervencións en situacións críticas. Grazas a un convenio coa Administración autonómica, o GIPCE garante o dereito á atención psicolóxica permanente a través do servizo de emerxencias 112.

Para conmemorar este fito, o COPG organiza unha exposición fotográfica que recolle momentos clave e a evolución do grupo ao longo destas tres décadas. 

  • Data: Mércores, 11 de febreiro de 2026.
  • Hora: 18:00 horas.
  • Lugar: Sede do COPG (Rúa da Espiñeira, 10-Baixo, Santiago de Compostela).

A inauguración desta mostra será o primeiro de varios actos previstos ao longo de todo o ano 2026 para celebrar o conmemorar o 30º aniversario do GIPCE.